rurAllure, o proxecto liderado polo investigador de atlanTTic Martín López Nores, celebra a súa cuarta reunión en Eslovaquia e Hungría

Do pasado 5 ao 8 de setembro tivo lugar a cuarta reunión xeral de rurAllure, unha cita que reuniu a representantes de 16 membros do consorcio internacional de rurAllure chegados de sete países europeos. A reunión, celebrada en Eslovaquia e Hungría, centrouse nos avances do proxecto con particular énfase no piloto “Patrimonio natural nos camiños a Csíksomlyó” pola ruta peregrina do Camiño de María.

A Slovak University of Technology, en Bratislava, foi a encargada da organización da reunión formal, coordinada por Martín López Nores, investigador de atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo). Este foi o encargado de reportar os 20 informes, dos cales 16 foron aprobados pola Comisión Europea.

Avanzando na plataforma tecnolóxica que une tódalas rutas involucradas, o proxecto ten o obxectivo de desenvolver unha solución IT para tódolos peregrinos e peregrinas e as rutas culturais de Europa. Así, achégaselles unha ferramenta para preparar os plans de peregrinaxe, identificar os puntos de maior interese e sitios patrimoniais ao longo das rutas. Ademais de xestionar as reservas dos aloxamentos e compartir entre amigos e amigas, peregrinos e peregrinas.

Rede de rutas europeas e debates sobre o proxecto

En paralelo, o proxecto está a traballar na creación dunha rede de rutas europeas de peregrinación e sendeirismo, o que vai permitir unha mellor promoción e divulgación das necesidades e obxectivos das rutas ás institucións europeas.

A cita tamén acolleu un panel de discusión sobre o turismo sostible con Alessia Mariotti, especialista en turismo sostible de Alma Mater Studiorum – Università di Bologna, Martín López Nores da Universidade de Vigo, o sacerdote católico Marian Gavenda e Eva Kocanova da Santiago Slovakia association.

O debate continuou cos stakeholders húngaros en Budapest o 9 de setembro, onde tódalas asociacións de peregrinaxe e rutas culturais, como Mária út, Via Francigena, Romea Strata, Via Romea Germanica, Camino Xacobeo e Saint Olav, presentaron os seus traballos e actividades e intercambiaron ideas con representantes locais e autoridades relixiosas. Os e as participantes tamén argumentaron sobre a co-existencia de peregrinaxes relixiosas con novas formas de slow tourism polos camiños das rutas.

Travesía polo Danubio e visita ao patrimonio termal de Budapest

Os e as participantes da reunión tiveron a oportunidade de explorar o Camiño de María durante a visita técnica á cidade peregrina de Esztergom, onde chegaron en barco a través do Danubio, organizado pola  KIFU – Hungarian Governmental Agency for IT Development.

A visita seguiu en Budapest, onde os e as participantes aprenderon sobre a súa historia e descubriron o seu patrimonio termal. Este forma parte da European Route of Historic Thermal Towns, membro da asociación rurAllure.

Os proxectos, como rurAllure, potencian as peregrinacións como produto turístico emerxente, o que permite viaxar de xeito sostible, brindando oportunidades para o desenvolvemento económico das comunidades locais e deixa unha pegada de carbono case nula.

Para máis información sobre o proxecto podes acceder a web de rurAllure na seguinte ligazón.