Universidade de Vigo

Día Mundial do Alzhéimer: proxectos de atlanTTic para axudar a previr e detectar enfermidades neurodexenerativas

Cada 21 de setembro ten lugar a celebración do Día Mundial do Alzhéimer. Esta enfermidade representa entre o 60% e o 70% dos casos de demencia segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). Con motivo desta xornada, a Confederación Española de Alzheimer propón para este ano o lema “InvestigAcción”. O seu obxectivo é o de reivindicar a importancia da investigación desta enfermidade e así mellorar a calidade de vida das persoas que a sofren ou poden chegar a sufrila.

No Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, temos en marcha varios proxectos co fin de contribuír a prevención e detección das enfermidades neurodexenerativas.

Tecnoloxías para a detección de deterioro cognitivo en maiores

Desde atlanTTic levamos anos traballando nunha liña de investigación que persegue atopar ferramentas que contribúan á detección e prevención de enfermidades neurodexenerativas. Así foi como naceu Panoramix, un videoxogo para múltiples dispositivos, xerado con técnicas de machine learning, que permite a auto avaliación do deterioro cognitivo mediante a fala. O proxecto, que contou coa colaboración da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afaga), forma parte de Gatekeeper, unha plataforma de referencia internacional no eido da e-saúde.

Por outra banda, un equipo investigador de atlanTTic está a traballar na actualidade en Sapiens, xunto á Universidade de Santiago de Compostela (USC). A Intelixencia Artificial, o machine learning e o deep learning son as tecnoloxías nas que se basea este proxecto que emprega asistentes conversacionais intelixentes. O seu funcionamento prodúcese por medio da interacción das persoas con altofalantes intelixentes ou asistentes de voz nos seus móbiles. Así, Sapiens encárgase de recoller a información para avaliar posibles situacións de depresión ou deterioro cognitivo.

Retardar a aparición de enfermidades neurodexenerativas

Outra das achegas do centro neste ámbito vén da man do asistente Celia. Este proxecto proclamouse o ano pasado como finalista da convocatoria do Programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Celia, consiste nunha metodoloxía que desenvolve diversos activos de procesado de linguaxe natural, como analizadores, xeradores ou chatbots intelixentes, e aplica técnicas de machine learning. O seu obxectivo é o de permitir a persoas que sofren a fenda dixital, como doentes de alzhéimer e outras demencias en fase inicial, acceder a contidos do seu interese a través da voz e detectar o seu deterioro cognitivo.