Espallando a filosofía das competencias transversais entre as empresas da contorna

O mercado laboral procura, cada vez máis, non só competencias profesionais e técnicas, adquiridas a través de formación regulada e complementaria, senón tamén as denominadas competencias transversais ou “brandas”. Estas soft skills, que no caso dalgunhas persoas veñen de serie, pero que que tamén se poden adestrar, agrúpanse en tres categorías: metodolóxicas, cognitivas e sociais. “Entre as primeiras están a xestión do tempo, resolución de problemas ou toma de decisións. Entre as competencias cognitivas figuran o pensamento analítico, o analítico, o reflexivo e mailo creativo. E as competencias sociais son a comunicación interpersoal, o traballo en equipo, a xestión de conflitos, a negociación e o entendemento intercultural”, detalla o docente e investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Íñigo Cuiñas. O que fora director da EET é o promotor da xornada As competencias transversais no mercado de traballo, que hoxe se desenvolveu no centro de negocios de Zona Franca Vigo en Porto do Molle e no que participaron como poñentes as e os docentes da UVigo Manuel Fernández Iglesias, Edita de Lorenzo e Itziar Goicoechea, así como Eduardo Sánchez, director do Departamento de Proxectos en Método Estudios Consultores SLU.

A orixe desta xornada, que esta mañá foi inaugurada polo delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, cómpre buscala no proxecto Eramus+Unifors 2020 no que participa a UVigo e no que cada socio debe difundilo á sociedade. “No noso caso pensamos que un proxecto no que se desenvolven propostas para mellorar as competencias transversais dos nosos estudantes cara a súa incorporación ao mercado laboral, tiña que ser coñecido polas empresas da contorna, e máis concretamente por aquelas que dependen nunha boa medida no talento dos seus empregados e nas capacidades dos mesmos para coordinar ese talento e orientalo ao éxito da compañía”, explica Cuiñas, que agradece a colaboración de Zona Franca para contactar con firmas punteiras da contorna, posto que “a interacción co tecido industrial semella capital para o coñecemento e o aproveitamento dos traballos destes tres anos de proxecto”.

Competencias moito máis aló do carácter das persoas

As competencias transversais son moito máis que simples características do carácter das persoas e segundo Cuiñas, “semella evidente que persoas con competencias transversais ben desenvolvidas son necesarias en todas as organizacións, facilitando o desenvolvemento das tarefas propias de calquera actividade profesional”. No caso do proxecto Erasmus+Unifors2020, elixíronse as competencias máis demandadas por empresas e estudantes e aquelas nas que se detectan máis carencias na formación (como resultado de enquisas en seis países) e a partir de aí, definiuse un programa formativo para adestralas. “E agora queríamos presentar estes resultados a quen pode estar máis interesado neles”, explica o docente, que considera que as persoas con boas bases nestas competencias facilitan as relacións entre persoas nos centros de traballo, ademais de ser quen de pensar de xeito creativo, analítico, crítico e/ou reflexivo … “en definitiva son persoas que xeran dinámicas positivas nos seus equipos e na creación de produtos e servizos máis eficientes”, asegura.