A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra organizan o V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que busca promover o interese do público xeral, ademais de impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.
A investigadora de atlanTTic, Silvia García Méndez, participará no ciclo coa seguinte conferencia:
23 de maio de 2024 | 19 h | 50 minutos máis preguntas (online) | Formulario de inscrición
Título: “Aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais”
Silvia García Méndez. Investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia. Grupo de Tecnoloxías da Información, atlanTTic. Universidade de Vigo (UVigo).
Resumo: A intelixencia artificial está cada vez máis presente na nosa vida cotiá, máis aínda coa revolución que supoñen as solucións de procesamento da linguaxe natural baseadas en modelos masivos de linguaxe coma ChatGPT. Pero, entendemos como funcionan estes sistemas?, que novas tendencias e aplicacións están por chegar?, cales son os principais retos aos que nos enfrontamos? Nesta charla abordaremos temas relevantes coma a necesidade de que as e os usuarios finais comprendan a toma de decisións da intelixencia artificial, a chamada interpretabilidade e explicabilidade, así como a cooperación humano-máquina, coñecida popularmente como aprendizaxe de reforzo a partir da retroalimentación humana, entre outros conceptos en auxe neste paradigma tecnolóxico renovado. Analizaremos casos reais de uso destes sistemas en ámbitos coma a medicina, a industria, a educación, as redes sociais etc.