Universidade de Vigo

Feira científica: ‘A ciencia que vén’

Infloresciencia

Un ano máis a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo organiza a expo-feira científica ‘A ciencia que vén’, pero esta edición será na cidade de Pontevedra. Baixo o lema infloresciencia, o evento achegará o traballo do persoal investigador da Universidade de Vigo á cidadania e a ciencia agromará e tomará forma na praza da Ferrería de Pontevedra o vindeiro 31 de maio.

Na xornada de mañá haberá unha visita concertada con rapaces de 5º e 6º de primaria do CEIP Barcelos e CEIP Froebel. Xa pola tarde, a feira abrirá ao público xeral dende as 16.30 h ata as 19.30 h. A feira é unha actividade de acceso libre gratuíta dirixida a un público familiar que está formada por obradoiros, espazos interactivos, xogos e charlas divulgativas para todos os públicos.

Programa

A feira, que está organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da Universidade de Vigo, forma parte do seu programa anual de actividades 23-24 “Ciencia de Ida e Volta”. Conta coa financiación da Fundación Española para la Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Tecnoloxía e Universidades e da Deputación de Pontevedra, e coa colaboración do Concello de Pontevedra.