Universidade de Vigo

Investigadores de atlanTTic participan no proxecto Quantum Secure Networks Partnership para mellorar nas comunicacións a seguridade

Ante o incremento de dispositivos e sistemas conectados ás redes globais e a cantidade de datos que se transmiten entre eles, nace a necesidade de protexer a información que se pode considerar sensible ante ataques de hackers. Na actualidade, aínda que se empregan moitas técnicas de criptografía para protexer a información, estas baséanse en métodos que se volveron vulnerables ao constante aumento das capacidades de procesamento informático, polo que é preciso acadar novos avances.

Este contexto é a orixe do proxecto Quantum Secure Networks Partnership, QSNP, impulsado por un consorcio de máis de 40 socios, entre eles o centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, e liderado polo Instituto de Ciencias Fotónicas, Icfo, con sede en Barcelona. A iniciativa conta cun orzamento de 25 millóns de euros e unha duración de tres anos e medio. O obxectivo é desenvolver e despregar tecnoloxía de criptografía cuántica que permita a transmisión ultrasegura de información a través da rede. Para facelo posible, están implicados socios de toda Europa, entre os que hai 23 institucións académicas, cinco fundacións, sete pemes e spin-offs, tres integradores de redes e criptografía e catro operadores de telecomunicacións, como Telefónica, Deutsche Telekom, TIM S.p.A Italia ou Orange.

O Quantum Secure Networks Partnership nace con tres obxectivos principais. En primeiro lugar, desenvolver tecnoloxía cuántica avanzada para redes de comunicación seguras cuánticas contra o poder cada vez maior dos ordenadores e a sofisticación dos algoritmos, incluso para os ordenadores cuánticos. En segundo lugar, tratarase de integrar esta innovadora tecnoloxía de criptografía cuántica non só a nivel de compoñentes, sistemas e redes, senón tamén nos sistemas de telecomunicación clásicos existentes e nos protocolos poscuánticos, asegurando unha capa adicional de comunicacións ultra seguras nesta rede cuántica híbrida. Finalmente, os socios aplicarán o coñecemento e capacidades adquiridas, así como a tecnoloxía desenvolvida, en diferentes casos de uso, principalmente para entregar tecnoloxía europea crítica para infraestruturas gobernamentais como a European Quantum Communications Infrastructure (EuroQCI).

atlanTTic lidera tres paquetes de traballo do proxecto

Marcos Curty, investigador de atlanTTic e catedrático da E.E. de Telecomunicación da Universidade de Vigo, lidera o consorcio representado por un grupo de investigadores del Vigo Quantum Communication Center (VQCC). Como explica Curty, participan en tres paquetes de traballo, un sobre sistemas cuánticos de distribución de clave con prestacións avanzadas, outro sobre sistemas cuánticos de distribución de clave baseados en entrelazamento e independentes dos seus dispositivos e un terceiro sobre protocolos de comunicacións cuánticas máis aló dos sistemas cuánticos de distribución de clave.