Universidade de Vigo

Un proxecto internacional liderado pola UVigo divulgará o patrimonio que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa

rurALLURE é unha mestura de termos en inglés (rural; lure, atraer e alure, encanto) que dá nome ao proxecto internacional liderado pola Universidade de Vigo, no que participan máis dunha decena de socios de seis países europeos, e que ten por obxectivo a divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vía de peregrinación de Europa. Financiado con preto de 3 millóns de euros procedentes do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, rurALLURE: Promoción de museos e sitios culturais en áreas rurais na contorna dos camiños de peregrinación de Europa, procurará cun enfoque multidisciplinar e o traballo de grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos, ampliar as experiencias dos peregrinos que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. “Trátase de promover o patrimonio rural como un engadido cara ao interese que poida suscitar unha ruta de peregrinación que se fai de extremo a extremo ou por tramos”, explicou o docente e investigador da UVigo e investigación principal do proxecto, Martín López Nores, na presentación de rurALLURE, celebrada hoxe no campus de Vigo e na que tamén participaron o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio.

Tanto Reigosa, como Rubio, felicitaron ás e aos investigadores dos departamentos de Enxeñaría Telemática; Historia, Arte e Xeografía; Didácticas Especiais e Socioloxía da Universidade de Vigo, que participan no proxecto, do que destacaron o seu carácter multidisciplinar. Neste sentido, a vicerreitora de Investigación incidiu no incremento rexistrado no número de proxectos H202 solicitados e concedidos á UVigo desde a posta en funcionamento da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI), ao tempo que animou a outros grupos “a seguir este exemplo de proxecto multidisciplinar no que hai grupos de historia, turismo, tecnoloxía e que é una oportunidade de potenciar o patrimonio cultural nas rutas de peregrinación europeas”, sinalou Rubio.

Seguir lendo no DUVI