Universidade de Vigo

Unha app que facilita o control remoto dos drones faise co premio do segundo Hackathon Teleco 5G

DroneLink, unha aplicación que facilita o control remoto dos drones, é o proxecto gañador do segundo Hackathon Teleco 5G, unha competición organizada no marco do Plan Nacional 5G Teleco Vigo en colaboración con Red.es, as empresas Orange, Cinfo, Gammera Nest, Optare Solutions e Ancora Mobile, e o centro de investigación atlanTTic. Esta semana tivo lugar a xornada de peche da competición e nela o equipo gañador, composto por Aarón Granja, José Manuel Rúa e Javier Otero, estudantes de 4º curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, presentou e fixo unha demostración desta app, unha ferramenta que facilita o control remoto e telemetría dun UAV –vehículo aéreo non tripulado- a través da rede 5G de Orange, proporcionando ademais a posibilidade de proxectar en tempo real a telemetría e streaming nunha terminal que permita a execución da aplicación.

Nesta segunda edición do hackathon o reto tecnolóxico estaba enfocado a empregar as redes 5G para desenvolver novas aplicacións para a Industria 4.0. “O obxectivo principal era o de demostrar a utilidade destas tecnoloxías para a creación de aplicacións no ámbito da Industria 4.0. Para iso colaborouse con Ancora, que permitiu utilizar a súa tecnoloxía para que os participantes propuxesen exemplos de casos de uso nos que os traballadores conectados poidan facer uso das comunicacións 5G para simplificar o seu traballo”, explica Felipe Gil, profesor da escola e investigador de atlanTTic.

Debullando as aplicacións do 5G no ámbito industrial

Esta xornada de peche do segundo Hackathon Teleco 5G tivo lugar no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e foi emitida por streaming. Presentada por Santiago Rodríguez, de Optare Solutions, o programa arrancou cunha charla de Felipe Gil, quen analizou as propostas no ámbito da industria e o estándar 5G do 3GPP -3rd Generation Partnership Project-. Gil salientou algunhas das vantaxes das redes 5G nos procesos de industrialización, como pode ser unha maior flexibilidade na produción grazas a aspectos como a descentralización da toma de decisións, os sistemas ciber-físicos derivados do procesado dixital da información e os ‘Digital Twins’, o emprego de IoT traducido en transmisión en tempo real da información ou o uso de tecnoloxías como Network Slicing ou Multi Access Edge (MEC), que ofrecen melloras respecto ao procesado local da información e á nube. Presentou ademais diversos casos de uso nos que destacou as principais aplicacións e retos tecnolóxicos do 5G no ámbito industrial.

Tras a intervención de Gil, Alexandre Bastos de Ancora Mobile abordou o impacto do 5G na industria 4.0 destacando tamén as principais funcionalidades clave ou “pancas de valor” desta tecnoloxía como a monitorización cun número masivo de dispositivos ou a asistencia remota ao traballador, o que supón unha optimización de recursos e unha maior produtividade. Luis Rey de INEO, a principal asociación empresarial representante do sector TIC en Galicia, centrou a súa exposición nos retos da dixitalización desde a industria salientando algúns deles como a cultura empresarial, a escaseza de talento ou persoal cualificado, a incomprensión da Industria 4.0, a ciberseguridade, a necesidade dun marco xurídico e normativo ou as barreiras económicas da transformación dixital, da cal considera que “é un medio, non un fin en si mesmo”.

Pola súa banda, Luis Martínez Suárez, de Digital Hunter, afondou no espectro para redes privadas móbiles en 5G, detallando as “bondades” que teñen para multitude de sectores -industria, recursos, servizos IT, retail, etc.-, e destacou que se trata dun mercado para o cal se estima un crecemento dun 60% nos próximos cinco anos.

Antes de dar paso á entrega de premios, os poñentes participaron nunha mesa redonda na que continuaron afondando no impacto do 5G na fenda dixital da industria, que axudará a reducila levando consigo un cambio de paradigma e un gran salto tecnolóxico. Resaltaron que a velocidade de implantación de modelos de dixitalización na industria é a esperada, tendo en conta que se trata dun ecosistema moi complexo, e nese sentido o 5G está axudando a axilizar o proceso.