Universidade de Vigo

Vigo, sexta universidade española en dispor dun laboratorio para medidas de circuítos integrados fotónicos

50 metros cadrados que albergan equipos de medida en lonxitudes de onda ópticas (1,3-1,5 micras), tanto para circuítos formados por compoñente discretas, como para medidas de circuítos integrados fotónicos (PICs), cunha estación manual de puntas para caracterización e testeo, converten á Universidade de Vigo na sexta institución académica de España en dispor dun laboratorio para medidas de circuítos integrados fotónicos. “Os PICs son circuítos nos que os compoñentes miden micras e o mesmo dispositivo cabe nun chip duns milímetros de alto e ancho. Na actualidade estanse a destinar grandes recursos ao seu desenvolvemento en telecomunicacións, pero os PICs atopan ademais ámbitos de aplicación onde as súas vantaxes de reducido tamaño, volume e consumo fan destes chips dispositivos axeitados para acadar mellores prestacións como sensores, en vehículos autónomos, metroloxía, computación cuántica…”, detalla Francisco Javier Díaz-Otero, docente e investigador do centro atlanTTic da Universidade de Vigo e responsable do laboratorio de fotónica.

A Universidade de Vigo conta con outras instalacións de medida de dispositivos integrados, pero non para circuítos integrados fotónicos, o que obrigaba ao persoal investigador da institución académica viguesa a recorrer a medidas en laboratorios estranxeiros ou en centros de investigación alleos, coa perda, tanto de tempo, como económica, que supón, “por non mencionar oportunidades perdidas por non poder publicar resultados das medidas obtidas”, explica Díaz- Otero. Cun custo superior aos 100.000 euros, financiados na súa maior parte con cargo á convocatoria do ano 2018 do procedemento para a concesión de axudas para a adquisición de equipamento científico técnico, o laboratorio de fotónica localízase na aula B010 da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e no seu interior alberga equipos que permiten medir parámetros, características e prestacións de PICs e setups discretos ópticos en tecnoloxías Si (silicio), SiN (nitruro de silicio) e InP (fosfuro de indio), os elementos fundamentais nos que se basean os chips. “En concreto a estación está preparada para medidas en onda continua (DC), radiofrecuencia (RF) e frecuencias ópticas que oscilan miles de billóns de veces por segundo”, sinala o responsable do laboratorio, que incide na necesidade que teñen as e os investigadores do ámbito da fotónica en coñecer as características dos circuítos, “non só no seu comportamento a frecuencias ópticas, senón tamén a frecuencias máis baixas, onde se localizan as radiofrecuencias e que nos permiten coñecer parámetros de comunicación para TV, radio ou microondas”.

Seguir lendo no DUVI