Universidade de Vigo

Worldplaces. Workplaces working with migrant women

O Centro de investigación atlanTTic asesora e da formación, a través do proxecto europeo Worldplaces, á primeira rede internacional que reúne as dúas metades do mundo laboral feminino: as que acceden a un novo mercado laboral e as que xa están nel. A rede naceu en 2021 grazas ao apoio da Dirección Xeral de Interior da UE en 4 países europeos -Italia, Portugal, Alemaña e Grecia- comprometidos á vangarda da redefinición de mercados laborais máis inclusivos, con especial atención ás sinerxías entre os novos e diversos talentos das mulleres inmigrantes e a lóxica e as políticas do mercado laboral de cada país.

Ola, namaste!

Son Priya Ghosh e teño 28 anos. Son de Bengala (India) e levo vivindo máis de 2 anos en España. Cheguei aquí soa, coa axuda do meu marido e dun docente da Universidade de Vigo que visitaba con asiduidade a miña universidade en India. Os meus estudos leveinos a cabo en centros educativos da miña localidade nativa e actualmente estou ampliando os meus estudos superiores despois de obter o título de Traballo Social na Universidade Internacional Visva-Bharati de Santiniketon. Tamén estou estudando español na Escola Oficial de Idiomas de Ourense. No meu tempo libre, gústame ler, escoitar música e facer traballos de artesanía.

Que podo facer?

Defínome como unha persoa traballadora, bondadosa e á que lle gusta moito sorrir. Sempre quixen estudar fóra para saber máis sobre as diferentes culturas. Cando cheguei, o máis difícil para min foi poder adaptarme ao idioma, vestimenta, temperatura, comida… de aquí. Moitos días remataba o día con dor de cabeza, pero agora estou moi feliz e cada día aprendo máis. A nivel laboral, teño experiencia en diferentes campos de traballo pero apaixóname a profesión de ensinanza. Antes de vir a España, traballei nunha escola como profesora de inglés e como traballadora social en diferentes ONG.

Que fago xa?

Agora estudo na Universidade de Vigo o Mestrado en Intervención Multidisciplinaria na Diversidade en Contextos Educativos, cuxas prácticas me axudaron a conseguir un pequeno traballo nunha escola de Ourense. Tamén estou moi feliz de poder ser embaixadora dentro do proxecto Worldplaces-Workplaces working with migrant women.

Como muller, en India a nosa situación non é a desexable. Por exemplo, todas as miñas amigas están xa casadas e coidando aos seus fillos e fillas como amas de casa. Eu quería facer algo diferente, por iso emigrei a España. Aquí atopei máis liberdade e apertura mental, así como moitas vantaxes para poder estudar. Como migrante, tiven dificultades á hora de solicitar o permiso de traballo, o que require moitos trámites administrativos.

Que recibín e que quero transmitir?

No futuro, gustaríame poder quedar en España e traballar nun colexio ou nunha ONG, xa que quero axudar ás persoas. Non teño claro se será fácil, pero loitarei para conseguilo.

Nun futuro máis próximo, gustaríame seguir estudando dentro do programa de doutoramento na Universidade de Vigo e aprender a lingua galega. Ourense é unha cidade moi tranquila, con moita natureza e xente moi boa que me axudou desde que cheguei. Especialmente, gustaríame darlle as grazas á Universidade de Vigo e aos seus docentes.

#Worldplaces #MigrationEU #AMIF