Universidade de Vigo

atlanTTic, presente en Málaga no Foro Transfiere

É o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento

Dende este mércores e ata o venres atlanTTic está presente en Málaga no Foro Transfiere, Foro Europeo para la Ciencia, Tecnología e Innovación. O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación forma parte da delegación da Xunta de Galicia – GAIN xunto a Universidade de Vigo e outros axentes do Sistema Galego de Innovación, como universidades, fundacións, etc.

No que está considerado o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento, o centro está representado polo seu xestor, Miguel Álvarez, que acude a cita xunto á vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e  persoal da Oficina de I+D, como os técnicos superiores Jose Jato e Elena Gil.

O obxectivo deste foro é impulsar a transferencia de coñecemento científico e tecnolóxico, mellorar a competitividade e xerar novas oportunidades de negocio e colaboración que axuden a definir a folla de ruta da axenda I+D+i europea e a súa converxencia no escenario global. Na edición de 2023, a duodécima deste evento, participaron máis de 4300 visitantes profesionais que tiveron a oportunidade de conectar con 500 empresas, entidades e institucións tractoras da innovación.

Transfiere 2024 en cifras

Na edición desta ano do Foro Transfiere participan máis de 500 empresas, entidades e administracións públicas, máis de 350 empresas, entidades e administracións públicas en zona expositiva, 12 comunidades autónomas, 60 entidades académicas, 80 startups , 40 inversores, 30 países representados, 440 expertos e expertas no programa de contenidos, 100 paneis e conferencias, 50 actividades paralelas e 77 prototipos e proxectos de investigación.