O investigador da Universidad Politécnica de Valencia Jorge Parra Gómez, autor dunha tese de doutoramento sobre unha nova xeración de dispositivos fotónicos, é o gañador do 1º premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación realizada en España no ano 2022. O galardón, convocado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo xunto á sección española do IEEE, Institute of Electrical and Electronics Engineers, buscaba a mellor tese de doutoramento a nivel nacional no ámbito das tecnoloxías da telecomunicación, así como render homenaxe a Manuel Ramos e Fernando Isasi, ambos docentes da EE de Telecomunicación e investigadores de atlanTTic, falecidos en maio de 2022, no caso de Ramos, e en agosto de 2023, no de Isasi.
A entrega do galardón tivo lugar, precisamente, na sala Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero, e contou coa participación do reitor Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e a subdirectora do centro, Yolanda Blanco. Todos lle deron os seus parabéns ao gañador do premio por un traballo “que é símbolo de modernidade”, tal e como lle recalcou o reitor, que salientou que esta investigación “pon de manifesto que o sistema que temos en España de ciencia e tecnoloxía é absolutamente homologable aos mellores do mundo”, subliñou Reigosa, quen resaltou a importancia de celebrar, por unha banda, a excelencia, “algo ao que en España non somos moi dados”, e tamén o recordo a persoas como os profesores Ramos, Isasi e José Juan Pazos, “falecido recentemente e a quen renderemos tamén homenaxe esta mesma semana, docentes os tres que contribuíron a crear unha Universidade mellor e que estarán con nós mentres nós esteamos aquí”.
Dispositivos fotónicos con múltiples aplicacións
Tal e como explicou Parra durante o acto, a súa tese céntrase no desenvolvemento dunha nova xeración de dispositivos fotónicos esenciais para aplicacións en comunicacións ópticas, computación avanzada, vehículos autónomos e procesamento cuántico da información, entre outros. O obxectivo desta investigación foi deseñar, fabricar e demostrar experimentalmente dispositivos innovadores, incluíndo dispositivos con efecto memoria, desfasadores e dispositivos con non linealidade óptica. Os principais resultados amosan avances significativos en miniaturización, capacidade de integración, eficiencia enerxética e ancho de banda, ofrecendo solucións disruptivas respecto ás tecnoloxías existentes.
Portas abertas para futuras colaboracións coa UVigo
Graduado en Enxeñaría de Tecnoloxías e Servizos de Telecomunicación (2016), Máster Universitario en Tecnoloxías, Sistemas e Redes de Telecomunicacións (2018), Máster en Enxeñería de Telecomunicación (2020) e doutor en Telecomunicación (2022), todos pola Universidade Politécnica de Valencia (UPV), Parra foi distinguido con distintos premios polo seu excelente desempeño académico e o seu traballo fin de máster, outorgados por Huawei e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, respectivamente. Desde 2023, traballa como investigador postdoutoral no Centro de Tecnoloxía Nanofotónica da UPV, enfocándose no deseño, fabricación e caracterización de dispositivos fotónicos integrados con funcionalidades avanzadas.
Exemplo claro da excelencia do talento que se forma no sistema universitario español, tanto o reitor como o director de atlanTTic deixaron a porta aberta a futuras colaboracións con este investigador, convidándoo a valorar a posibilidade de realizar unha estancia posdoutoral na UVigo, onde, tal e como lembrou o reitor, “dispoñemos dun potente laboratorio de comunicacións cuánticas, moi internacionalizado e que agardamos que coloque á nosa Universidade en punta de lanza nestas temáticas, así como cunha nova Cátedra Chip, que tamén nos vai axudar a colocarnos en todo o que ten que ver cos chips fotónicos, e unha iniciativa relacionada co creación dunha fábrica de chips fotónicos na que a Universidade tamén está implicada”.
19 aspirantes a un premio dotado con 2000 euros
Esta primeira convocatoria do galardón consistiu nun único premio cunha dotación económica de 2000 euros e as persoas candidatas que optaron ao mesmo tiñan como requisito que defendesen a súa tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación, en concreto comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade, en calquera universidade española entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Ademais, os seus traballos debían ter obtido a máxima cualificación, excelente cum laude, e tiñan que ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou, no seu defecto, dispor dunha patente en explotación, por un resultado da investigación realizada no contexto da tese.
A avaliación das propostas presentadas efectuouna unha comisión composta por persoas de especial relevancia no eido das tecnoloxías de telecomunicación. Para a elección da tese premiada valoráronse aspectos como as publicacións de impacto en revistas JCR de gran relevancia en tecnoloxías de telecomunicación; as publicacións en congresos internacionais de gran transcendencia no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación; os resultados de transferencia, patentes e aplicacións comerciais en relación coa tese; ou os premios recibidos, proxectos xerados a partir do traballo doutoral e outros méritos como estadías no estranxeiro ou financiamento recibido.
Fonte: DUVI.