O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, achegará un ano máis á cidadanía as súas últimas investigacións cunhas xornadas divulgativas que terán lugar mañá, martes 22 no centro da cidade, e o venres 25 de outubro nas instalacións do centro no campus de Vigo.
A primeira destas actividades, mañá martes, consistirá nun punto informativo que se instalará na rúa Príncipe, fronte ao museo Marco, en horario de 16.00 a 19.30 horas, grazas á colaboración do Concello de Vigo. Neste posto, o persoal investigador dará a coñecer algúns dos últimos avances en ámbitos como as comunicacións 5G ou 6G, coa compañía do can-robot Santi ou as tecnoloxías aeroespaciais e os nanosatélites.
O venres, as actividades trasládanse ao campus co sétima edición de Conecta con atlanTTic, a xornada na que cada ano o centro abre as súas portas á sociedade. Pola mañá, máis de 100 estudantes de ESO, Bacharelato e FP achegaranse ás instalacións situadas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, para coñecer os equipos de investigación, as infraestruturas de investigación máis singulares e os principais proxectos no ámbito das comunicacións, os servizos dixitais e a ciberseguridade. Xa pola tarde, a actividade estará aberta ao público xeral. Dende centro destacan que esta é unha ocasión única para entrar en contacto co persoal investigador, xa que máis de vinte profesionais serán os encargados de achegar, dun xeito ameno e interactivo, os seus últimos proxectos ás persoas asistentes.
“Abrir as portas de atlanTTic a estudantes e público en xeral é moi importante para o noso centro, non só por compartir o traballo do noso persoal investigador senón porque deste xeito temos a oportunidade de coñecer, de primeira man, as inquedanzas da sociedade arredor dos novos retos das telecomunicacións”, explica o seu director, Martín Llamas Nistal. “Cada ano, damos un paso máis e agora xa temos consolidada tamén a actividade no centro de Vigo”, insiste Llamas.
Laboratorios que son referentes nacionais e europeos
No transcurso da visita, tanto o alumnado de secundaria como a cidadanía poderán visitar tres dos laboratorios máis singulares de atlanTTic que son referentes nacionais e europeos: o Laboratorio de Seguimento de Satélites; o Laboratorio de Acústica, que inclúe unha visita guiada á sala semi-anecoica, espazo no que todas as paredes, salvo o chan, están acondicionaas coa tecnoloxía Metadyne, material que permite absorber as ondas acústicas; e finalmente o Laboratorio de Medidas radioeléctricas e a súa cámara anecoica.
Ademais dos laboratorios, que sempre son obxecto de gran curiosidade por parte dos asistentes, o centro disporá unha serie de postos nos que o persoal investigador amosará ao público diferentes proxectos punteiros e as últimas aplicacións que están a desenvolver. Trátase de demostracións vinculadas coas principais liñas de traballo de atlanTTic: tecnoloxías 5G e 6G, comunicacións ópticas, fotónica integrada, aplicacións accesibles, intelixencia artificial, criptografía cuántica, teledetección ou sistemas aeroespaciais.
Entre todas e todos visitantes sortearase un kit de artigos promocionais do centro. Estas xornadas, cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (FEDER), requiren inscrición previa que pode realizarse a través da páxina web de atlanTTic.
Fonte: DUVI.