A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié acaban de facer públicas as propostas gañadoras dos “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC” que convocan de maneira conxunta co obxectivo de recoñecer as mellores investigacións que se desenvolven na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. O Premio á mellor investigación feita en Galicia en Ciencias Técnicas foi para un grupo coordinado por Víctor Zapatero, do Vigo Quantum Communication Center e atlanTTic.
Dotados con 5000 euros cada un, a entrega de premios será o vindeiro mércores día 5 no Pazo de San Roque en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.
Tecnoloxía galega segura para as futuras comunicacións por satélite
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Víctor Zapatero, do Vigo Quantum Communication Center e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic. O investigador indica que gobernos e institucións de todo o mundo están a substituír os seus cifrados convencionais por cifrados máis robustos debido á ameaza dos computadores cuánticos. Nesta transición, unha técnica coñecida como “distribución cuántica de claves” preséntase como a única solución que permite alcanzar unha seguridade incondicional, pero é a máis custosa de implementar e, ademais, se non se implementa correctamente, as súas garantías de seguridade desaparecen. Esta “fraxilidade práctica”, unida ao seu elevado custo, está a frear a adopción xeneralizada da distribución cuántica de claves. Neste contexto, o traballo premiado propón unha nova variante máis sinxela, máis barata e máis práctica. Esta variante xa se probou en experimentos reais e crese que podería ter un rol protagonista nas futuras comunicacións cuánticas por satélite.

Fonte: DUVI.