Universidade de Vigo

GALIA TECH celebra a súa primeira edición e sitúa a Galicia á vangarda da Intelixencia Artificial

O Hub de Innovación Dixital Europeo DATAlife, unha iniciativa que se desenvolve no marco da Estratexia Galega de Hubs de Innovación Dixital, promovida pola Xunta de Galicia, celebrou onte a primeira edición de GALIA TECH, un encontro que reuniu máis de 130 empresas, investigadores, administracións e profesionais para debater sobre o presente e o futuro da Intelixencia Artificial (IA) nos sectores estratéxicos de Galicia.

A xornada puxo o foco nas oportunidades que a IA ofrece en ámbitos como a agroalimentación, o sector forestal e da madeira, a saúde e os coidados e a biotecnoloxía que, en conxunto, representan máis do 20% do PIB galego.

Segundo o presidente de DATAlife, Sebastián Pantoja Conde, “a Intelixencia Artificial non é un destino, é un camiño que construímos entre todas e todos e cada idea, proxecto ou colaboración achéganos a un futuro máis eficiente, máis sustentable e máis humano”.

GALIA TECH contou nesta primeira edición cun panel de relatores procedentes de empresas tecnolóxicas, universidades e centros de investigación galegos e internacionais. Expertos en áreas como a agricultura de precisión, a bioinformática, a robótica aplicada á industria forestal ou a saúde dixital compartiron experiencias reais sobre como a IA xa está a transformar procesos e a xerar novas oportunidades de negocio. “A adopción da IA é totalmente necesaria se non queres quedar atrás e ás pemes cústalles chegar a ela. Por iso, o traballo que desenvolve DATAlife é importante para axudar a darlles ese impulso”, comentou Almudena Justo Martínez, directora de Fujitsu International Quantum Center.

As intervencións de Covadonga Toca Carús, directora do Instituto de Promoción Económica (Igape), e Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, puxeron de relevo tanto o potencial innovador de Galicia como a importancia da colaboración público-privada para acelerar a adopción da Intelixencia Artificial no tecido produtivo. Covadonga asegurou que “a IA ten que ser a ferramenta que impulse a competitividade das empresas, pero precisan saber como chegar a elas. Por iso é esencial contar con asesores como DATAlife”.

Tamén se presentaron iniciativas punteiras relacionadas coa aplicación práctica da IA, como o proxecto europeo EDIH DATAlife, que converteu o Hub no único en Galicia con financiamento europeo para a validación de tecnoloxías disruptivas, así como outras colaboracións internacionais en agricultura intelixente, biotecnoloxía e saúde dixital. Grazas a iso, DATAlife, desde a súa fundación hai seis anos, conseguiu mobilizar 40 millóns de euros en proxectos de dixitalización, o que lle permitiu prestar máis de dous mil servizos.

Ao mesmo tempo, durante o acto, os asistentes tiveron a oportunidade de ver tecnoloxía en acción a través de demostradores reais. Diversos socios do Hub explicaron en detalle aos asistentes como ditas tecnoloxías lles axudaron a desenvolver os proxectos alí presentados.

Con GALIA TECH, o Hub reforza o seu papel como catalizador de innovación en Galicia. En palabras de Sebastián Pantoja Conde, “DATAlife é moito máis ca un hub tecnolóxico; somos un ecosistema que conecta talento, empresas, centros de investigación e entidades públicas, cun obxectivo claro: impulsar a innovación responsable e sustentable a través da Intelixencia Artificial e dos datos”, con impacto real na economía e na sociedade.