Universidade de Vigo

Cesga e atlanTTic impulsan o Quantum Optical Computing Lab, un laboratorio especializado en computación cuántica óptica

O Vigo Quantum Communication Center da UVigo (VQCC), adscrito a atlanTTic, acollerá proximamente un laboratorio compartido especializado en computación cuántica óptica, que contará cun investimento de 2,4 M€ e no que se traballará no desenvolvemento dun procesador cuántico. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Educación, Ciencia e Universidades e FP, Román Rodríguez, asinaron hoxe o convenio que permitirá, segundo Reigosa, “complementar o que xa tiñamos de comunicación cuántica, onde estamos na liña de competir con calquera no mundo e agora póñense as ferramentas para que nuns anos en computación cuántica Galicia teña voz propia e poida presumir”. Pola súa banda, Rodriguez definiu a colaboración como “un acontecemento relevante que fai posible que a nosa I+G+i se dote desta infraestrutura grazas ao traballo de dous centros de referencia nos seus respectivos campos”.

O convenio entre o Cesga (Centro de Súpercomputación de Galicia) e atlanTTic (Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo) posibilita a dotación de persoal investigador, equipamento e infraestruturas técnicas cun modelo de gobernanza compartido entre institucións, tanto no ámbito operativo como no científico. Mentres atlanTTic contribuirá coa súa experiencia en diversos campos, o Cesga achegará as súas capacidades en infraestruturas computacionais avanzadas e soporte tecnolóxico especializado, cofinanciados a través do PERTE Chip e de fondos propios da Consellería de Ciencia, mentres que a UVigo achega recursos propios e asumirá a consolidación e sustentabilidade operativa deste laboratorio, que terá unha duración inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga. 

Ao acto de sinatura, celebrado este mediodía no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, tamén asistiron a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o director científico do Cesga, Lois Orosa; o director de atlanTTic, Martín Llamas; o director do VQCC, Marcos Curty e a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio.

Un día de extraordinaria ledicia

O novo laboratorio permitirá afondar na investigación sobre computación cuántica óptica como unha plataforma experimental específica, consolidándose como infraestrutura singular e aberta, para facilitar a colaboración con investigadores externos mediante protocolos comúns. Co desenvolvemento deste novo sistema de computación cuántica óptica poderíanse resolver problemas de optimización complexos moito máis rápido e consumindo menos enerxía que cos procesadores clásicos, ao permitir acelerar múltiples algoritmos de intelixencia artificial e con utilidades, tamén, en deseño de materiais, loxística, planificación sanitaria ou bioinformática. Nesta liña, facilitaría a busca de solucións a problemas como encontrar as mellores rutas en loxística, crear calendarios eficientes, deseñar novos materiais ou xestionar carteiras de investimento, entre outros. Así mesmo, o Quantum Optical Computing Lab permitirá posicionar a Galicia dentro da plataforma experimental da futura Fábrica europea de intelixencia artificial debido ás súas sinerxías e a potencialidade para executar algoritmos de IA de forma máis eficiente, contribuíndo á investigación e o desenvolvemento de infraestruturas de computación de vangarda e á mellora da soberanía tecnolóxica.

Para o reitor da UVigo o de hoxe “é un día de extraordinaria ledicia porque conseguimos aliñar distintas institución galegas que traballan xuntas para que Galicia ocupe o lugar que queremos neste tipo de tecnoloxías, como a computación cuántica que marcará un futuro brillante se somos quen de levar a cabo o plan preparado”. Reigosa, que agradeceu a idea da Consellería de descentralizar e colaborar asegurou que “o obxectivo é que dentro de dez anos se diga que se puxeron as pedras para que Galicia nunha tecnoloxía de futuro teña unha propia e o recoñecemento externo”.

O conselleiro de Educación que se referiu ao VQCC como un “centro de primeirísimo nivel”, incidiu na importancia de “xuntar as capacidades do Cesga coas das universidades e aí xorde a especialización no ámbito da cuántica neste proxecto, que no fondo é traballar en rede”. Román Rodríguez insistiu na importancia de que Galicia estea preparada para enfrontar os retos de futuro, algúns dos cuais estarán vinculados á computación cuántica, “e non perder o tren e ter máis oportunidades de futuro”.

Xuntanza para ratificar o acordo de descentralización de Medicina 

A preguntas do medios, o conselleiro e o reitor confirmaron que o 20 de xaneiro terá lugar a xuntanza para ratificar o acordo para a descentralización do Grao en Medicina, unha vez que foi aprobado polas tres universidades do SUG. “Se todos sumamos e temos unha filosofía de mellorar o país e a docencia sanitaria, porque temos grandes profesionais sanitarios en Vigo e A Coruña e tamén en Santiago, se sumamos todos, e temos a visión e altura de miras para cooperar nun proxecto común, nos vai ir mellor”, sinalou Román Rodríguez, que tamén alertou de que “se facemos guerras particulares e café para todos, pensamos que nos vai ir peor. Se sumamos gañamos e se rompemos perdemos, en xeral, e sobre todo nun ámbito tan aberto como este”. 

Reigosa asegurou ser absolutamente optimista e asegurou que “imos facer os deberes para que con este acordo non pase o que pasou co do 2015 e teñamos descentralización efectiva da docencia de 4º, 5º e 6º de Medicina, tanto en Vigo como en Coruña”.

Fonte: DUVI.