A Universidade de Vigo activaba recentemente no campus de Lagoas-Marcosende unha nova rede experimental de comunicacións móbiles avanzadas que permitirá desenvolver e validar tecnoloxías 5G avanzado e 6G en contornas reais. Esta infraestrutura, presentada hoxe nun acto celebrado no edificio Redeiras, converte o campus nun laboratorio aberto e flexible, preparado para afrontar os desafíos da conectividade do futuro e apoiar proxectos científico-tecnolóxicos de alto impacto.
A rede estrutúrase arredor de dous proxectos financiados polo Ministerio de Transformación Dixital a través do programa UNICO I+D 6G: DEN6, un espazo definido por software, dinámico e actualizable, e mmDEN6, que estende as capacidades cara as frecuencias de ondas milimétricas para o estudo de redes ultradensas 6G, cun investimento total de preto de 4 millóns de euros. Ademais, a infraestrutura complétase con máis de 3 millóns de euros destinados á adquisición de equipamento punteiro de xeración e medida. Durante a súa intervención, Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e responsable do proxecto na UVigo, sinalou que “é unha rede única experimental a nivel europeo no sentido de que conta cunha cantidade moi elevada de compoñentes, un número moi elevado de estacións base de radio, equipos de cómputo, sistemas de comunicación ópticos.. . É un campo de probas no que poderemos implementar unha cantidade enorme de alternativas que noutros sitios non é posible”. Gil manifestou a súa expectativa de que poida ser “un laboratorio vivo que poida avanzar nas novas tecnoloxías cara a redes de sexta xeración”.
No acto de presentación, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asegurou que esta rede experimental “vai na liña que nós pensamos que debe seguir Europa, que ten que ocupar un lugar no mundo e ese lugar ten que ser prioritario. Temos que facer o esforzo de estar en primeira liña en todas as innovacións tecnolóxicas, especialmente naquelas que son disruptivas”. O reitor considera que esta rede “permitiranos seguir afondando no talento que temos na casa, que está en primeira liña, e isto non sempre ocorreu, pero agora temos as ferramentas e a UVigo síntese moi orgullosa deste talento”. Reigosa, que reiterou a importancia da colaboración pública e privada, tamén incidiu na necesidade que “o noso talento non se espalle por outras latitudes e ao tempo ser quen de captalo”.
A presentación completouse cunha ponencia sobre a evolución das redes 5G cara o 6G, presentada por Alejandro Alonso Portero, experto en Innovación e Evolución de Rede en Telefónica de España e unha mesa redonda sobre a aplicación das redes experimentais como impulsores do I+D, que foi moderada por Javier Martínez Borreguero, Industry 4.0 Global Head en Telefónica Tech, e na que participaron Pili Chapela, directora de Retegal; Isaac Ballesteros, CTO de Centum; Fernando Lamela, director de Tecnoloxía 5G en Optare Solutions; e Pablo Fondo Ferreiro, investigador senior en atlanTTic. Matías González Martín, secretario xeral de Telecomunicacións, Infraestruturas Dixitais e Seguridade Dixital, Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, foi o encargado, a través de videoconferencia, de pechar o acto celebrado este mediodía.
Cobertura integral e investigación en ondas milimétricas
A rede está orientada á posta en marcha de servizos de conectividade para probas experimentais científicas en contornos reais, e permite a experimentación en escenarios específicos como industria 4.0, vehículos conectados e autónomos, lecer dixital, mobilidade intelixente ou educación inmersiva, entre outros. Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e responsable do proxecto na UVigo, resalta que “non estamos ante unha rede comercial ao uso, senón ante un banco de probas avanzado que nos permite modificar desde a capa física ata o núcleo da rede, algo que sería imposible nunha infraestrutura pechada”. Esta capacidade débese á integración de equipamento comercial de última xeración con sistemas de Radio Definida por Software (SDR) e arquitecturas baseadas en SDN/P4, que posibilitan a validación de novos protocolos, formas de onda e solucións completas de rede.
A infraestrutura cobre espazos exteriores e interiores do campus mediante 15 estacións base (gNB) distribuídas en cinco emprazamentos estratéxicos do campus: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (que combina nodos exteriores cun despregue interior masivo), o edificio Exeria, o de Deportes, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e CINTECX. Opera en varias bandas, incluíndo 26 GHz, o que permite investigar en ondas milimétricas e emular contornos ultradensos de moi baixa latencia.
“O despregue masivo en banda milimétrica é clave para preparar o salto cara ao 6G”, sinala Felipe Gil. “Permítenos estudar a xestión eficiente de mobilidade en redes ultradensas, a migración dinámica de aplicacións en Edge e a automatización baseada en intelixencia artificial”. Cada emprazamento conta ademais con capacidades servidores de computación Edge (MEC), o que posibilita o procesado distribuído na periferia da rede e reduce a latencia en aplicacións críticas como o control de drons ou vehículos autónomos.
Aplicacións en industria 4.0, mobilidade e realidade estendida
A rede permitirá desenvolver e validar solucións en ámbitos como o vehículo conectado e autónomo, a industria 4.0, a operación de drons con procesado en Edge ou a realidade estendida (XR), así como investigar en “network slicing” dinámico, roaming entre distintos núcleos e sincronización precisa para aplicacións industriais.
“Converte o campus nun banco de probas singular para validar tecnoloxías e estándares antes da súa adopción comercial”, sinalan os responsables do proxecto. A rede concíbese como un Open Lab aberto á colaboración con investigadores e empresas, que poderán acceder mediante un sistema formal de solicitude e avaliación técnica.
Unha infraestrutura estratéxica para Galicia
Contar cunha infraestrutura propia que abrangue todo o campus consolidan á UVigo e a atlanTTic como centro de referencia internacional en 5G avanzado e 6G. “O seguinte paso é evolucionar cara a un contorno plenamente 6G, intensificando a experimentación en arquitecturas cell-free, xestión autónoma ‘zero-touch’ e integración cloud-edge”, apunta Gil Castiñeira.
No plano científico, tecnolóxico e económico, a iniciativa contribúe á xeración de coñecemento avanzado, á creación de emprego cualificado e á transferencia de innovación cara a sectores estratéxicos como a automoción e o aeroespacial. En conxunto, a Rede Experimental 5G & 6G converte o campus nun banco de probas real ao servizo da investigación, da empresa e da sociedade galega.

Fonte: DUVI.



