
A National Aeronautics and Space Administration, NASA, confirmaba o pasado martes de xeito oficial que o 1 de abril será a primeira data na que se intentará lanzar desde o Centro Espacial Kennedy de Florida Artemis II, a primeira misión lunar tripulada desde 1972. “Podo confirmar que todo está en orde e non hai ningún impedimento para o lanzamento de Artemis, se as condicións meteorolóxicas o permiten”, afirmou a viceadministradora e responsable de exploración espacial da axencia espacial estadounidense, Lori Glanze.
A misión, que marca o regreso dunha tripulación humana ás proximidades da Lúa, contará coa participación do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial, ATRG, do centro atlanTTic da UVigo, a través da cooperación establecida coa empresa tecnolóxica española Integrasys, seleccionada pola NASA para realizar tarefas de seguimento terrestre da cápsula Orion durante a misión Artemis II. Durante a súa viaxe, a cápsula emitirá sinais de radio en banda S que poden actuar como un faro ou latexo electrónico e “este sinal será captado polas antenas da Universidade de Vigo e Integrasys, que funcionan como os oídos da misión na Terra para escoitar ese pulso que provén do espazo profundo”, explica Fernando Aguado Agelet, catedrático da UVigo e director do grupo de investigación ATRG.
O proxecto é o resultado dun encargo directo da NASA a Integrasys, xunto á Universidad de Sevilla. Integrasys foi a única firma española seleccionada para liderar a monitoraxe do sinal da nave nesta fase. “Fundada en 1990 e con sede en Las Rozas (Madrid), Integrasys consolidouse como un referente global en enxeñaría e fabricación de sistemas avanzados para a monitorización obtención de intelixencia e control do espectro espacial”, explican fontes da empresa, que conta con delegacións estratéxicas en Estados Unidos e Luxemburgo, entre outras.
Operadores expertos traballaran dez días de xeito ininterrumpido
O sinal da cápsula Orion captada pola antenas da UVigo, será analizada por operadores expertos da institución académica viguesa e da empresa Integrasys, utilizando o principio do efecto Doppler. “Do mesmo xeito que o son dunha sirena cambia de ton cando unha ambulancia se achega ou se afasta, a frecuencia do sinal da Orion varía segundo o seu movemento. Ao medir con extrema precisión estes cambios de ton no sinal de radio, os especialistas poderán determinar a posición exacta Manuel Diz Folgar, investigador do grupo ATRG.
O equipo de operadores da UVigo traballará sen interrupción durante os dez días da misión para procesar os datos, un labor de seguimento técnico “vital para asegurar que a nave se mantén na ruta prevista pola NASA durante a súa viaxe de ida e volta”, explica o catedrático da UVigo.
No nivel máis alto da enxeñaría aeroespacial internacional
Como paso previo á aterraxe de seres humanos na superficie lunar e ao tratarse dunha misión tripulada, a fiabilidade no seguimento terrestre da misión Artemis II é unha prioridade absoluta para a NASA á que Integrasys e as universidades de Vigo e Sevilla farán fronte “garantindo unha rede de soporte capaz de monitorear a nave na súa traxectoria de retorno libre arredor da Lúa”.
Para Fernando Aguado “participar nesta misión tripulada valida a excelencia técnica acadada en Galicia. A capacidade de interpretar o efecto Doppler en sinais de banda S para localizar unha nave a miles de quilómetros de distancia sitúa á universidade e á empresa Integrasys no nivel máis alto da enxeñaría aeroespacial internacional”.
Fonte: DUVI.

