Universidade de Vigo

atlanTTic e a Armada afondan na colaboración en tecnoloxías duais e innovación aplicada á defensa

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, organizou esta mañá o encontro Defensa, innovación e tecnoloxías duais, en colaboración coa Armada, no que representantes das tres institucións compartiron experiencias, capacidades e perspectivas de colaboración no ámbito da defensa e da innovación tecnolóxica.

O reitor en funcións da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o comandante da fragata F-102 “Almirante Juan de Borbón”, Miguel A. Romero Contreras, foron os encargados de inaugurar a xornada, momento que o reitor aproveitou para poñer o foco na importancia da soberanía tecnolóxica e no papel estratéxico do desenvolvemento de tecnoloxías duais nun contexto internacional marcado pola cooperación europea no ámbito da defensa e da innovación. Destacou ademais o “privilexio” que supón para a UVigo manter unha colaboración consolidada coa Armada e con empresas como Navantia en proxectos de alto impacto tecnolóxico. Pola súa banda, Miguel A. Romero Contreras, comandante da fragata F-102, ofreceu unha visión xeral das capacidades operativas do buque, así como das tecnoloxías e sistemas embarcados cos que opera actualmente a Armada no ámbito marítimo.

Tres décadas impulsando capacidades tecnolóxicas

Un dos bloques centrais da xornada estivo dedicado ás capacidades tecnolóxicas e ás liñas de colaboración entre a Armada e atlanTTic-UVigo. Fernando Obelleiro Basteiro, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador do Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas de atlanTTic, repasou a evolución dos proxectos desenvolvidos nas últimas décadas, agradecendo especialmente o apoio da Armada, de Navantia e da propia Universidade polas facilidades, laboratorios e infraestruturas postas á disposición dos equipos investigadores.

Obelleiro destacou tamén o valor humano detrás destes desenvolvementos, facendo referencia ao “bo equipo” construído ao longo dos anos e á mellora continua na forma de interacción entre os distintos axentes implicados. Entre os proxectos presentados figuraron o sistema de medida de firma radar DIAR e o sistema de medida de firma infravermella DIFI, do que salientou a súa capacidade de medición en tempo real, única neste ámbito. Os investigadores de atlanTTic tamén desenvolven un dos softwares de simulación electromagnética máis avanzados do mundo, con aplicacións estratéxicas no sector naval e da defensa. As súas ferramentas permiten optimizar o deseño de fragatas, aeronaves e outros sistemas complexos mediante a análise precisa de radares, antenas e sinaturas electromagnéticas.

Durante a sesión presentouse ademais o demostrador do Sistema de Servizos Integrados (SSI), desenvolvido en colaboración con Navantia para a serie de fragatas F-110, un proxecto que Obelleiro cualificou de “moi demandante” e no que levan participando os últimos dez anos investigadores e enxeñeiros como Bruno Seoane Lamata, Hugo Caloto López e Nelson Reboreda, aos que definiu como “piares fundamentais” da iniciativa e que se encargaron da presentación máis técnica e en detalle do SSI. 

Novas oportunidades de colaboración 

Pola súa banda, o director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, encargado do peche do acto, destacou a estreita conexión entre a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e os proxectos tecnolóxicos vinculados á defensa, salientando a presenza de numerosos enxeñeiros formados na UVigo. Llamas incidiu na necesidade de continuar colaborando para desenvolver novas tecnoloxías no ámbito da defensa e apostar por novas liñas de investigación relacionadas co sector de defensa e coas aplicacións duais.

A programación completouse cunha visita técnica á fragata F-102 Almirante Juan de Borbón, guiada por persoal da Armada, e cun encontro de networking entre representantes institucionais, persoal investigador e profesionais do ámbito tecnolóxico e da defensa.

Fonte: DUVI.