
A Universidade de Vigo é un dos 17 socios de España e Portugal do proxecto Quantum Iber IA, unha iniciativa transfronteiriza que busca impulsar as capacidades en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial no espazo ibérico. O proxecto arrancou hai xa uns meses, pero este venres celebrouse en Santiago de Compostela a súa presentación oficial, un encontro celebrado na sede da Axencia Galega de Innovación, líder do consorcio, e ao que asistiron unha ampla representación dos socios, entre eles Davide Rusca, do Vigo Quantum Communication Center da Universidade de Vigo, coordinador da parte viguesa do proxecto.
Ademais da UVigo, participan tamén no proxecto as universidades da Coruña e Santiago de Compostela, o Cesga, Feuga, así como outras entidades de Portugal, Castela, Estremadura e Andalucía, incluíndo, entre outros, a Universidad de Extremadura ou a Axencia Dixital de Andalucía.
Cun orzamento global de case 8,9 millóns de euros, dos que 413.165,86 euros corresponden á participación subvencionada da Universidade de Vigo, Quantum Iber IA, Impulso estratéxico das capacidades en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial no espazo ibérico transfronteirizo, desenvolverase durante un total de 39 meses.
Unidos para situar o espazo POCTEP como referente en tecnoloxías cuánticas
O obxectivo principal da iniciativa é posicionar o espazo POCTEP como un referente na creación e aplicación de tecnoloxías avanzadas mediante a integración estratéxica das tecnoloxías cuánticas —computación, comunicacións e simulación— coa intelixencia artificial. Para iso, o proxecto potenciará as capacidades de investigación e innovación e promoverá o uso compartido e coordinado de infraestruturas, como supercomputadores, redes cuánticas e plataformas de IA, xa existentes nos territorios participantes.
A iniciativa prestará especial atención ao desenvolvemento de solucións aplicadas a sectores estratéxicos como a agroalimentación, a saúde, a ciberseguridade, a enerxía ou o medio ambiente. A través de demostracións tecnolóxicas e probas de concepto, tamén se buscará facilitar a transferencia de coñecemento cara ás empresas e ás administracións públicas.
Ao mesmo tempo tratarase de impulsar un ecosistema de innovación híbrido cuántico-IA que conecte centros de investigación, universidades, administracións públicas e empresas, favorecendo a cooperación transfronteiriza e contribuíndo á atracción e retención de talento especializado nestes ámbitos emerxentes.
Desenvolvemento dun prototipo de intercambio de claves cuánticas, parte específica da UVigo
“Na UVigo desempeñamos o papel de liderado na parte da investigación e o desenvolvemento da tecnoloxía cuántica, en particular no desenvolvemento dun prototipo relacionado co intercambio de claves cuánticas”, explica Rusca, investigador do VQCC, adscrito ao centro de investigación atlanTTic. Nesta liña Rusca destaca que esta tecnoloxía permite “a comunicación segura entre dous axentes remotos baseándose nas propiedades da física, especialmente da física cuántica”, abrindo novas posibilidades no ámbito das comunicacións seguras e da ciberseguridade avanzada.
Fonte: DUVI.