Universidade de Vigo

Francisco Javier González Castaño, novo director de atlanTTic

Francisco Javier González Castaño, director de atlanTTic

Francisco Javier González Castaño vén de ser nomeado novo director de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. O catedrático da UVigo toma o relevo de Martín Llamas Nistal á fronte do centro.

González Castaño é catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo e investigador principal do Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic. Participou en numerosos proxectos de investigación e transferencia e é coautor de máis de 130 artigos en revistas internacionais. Actualmente, os seus intereses céntranse nas redes de comunicacións avanzadas e nas tecnoloxías duais intelixentes. Ao longo da súa carreira, foi enxeñeiro en Televés, profesor no Department of Computer Sciences da Universidade de Wisconsin-Madison e cofundador do centro tecnolóxico Gradiant.

Ao asumir a dirección de atlanTTic, o profesor González Castaño afronta unha nova etapa coa intención de continuar optimizando os recursos de investigación e reforzar a visibilidade do centro nas liñas nas que é líder nos ámbitos rexional, nacional e internacional, como a seguridade cuántica, as comunicacións avanzadas e os semicondutores III-V. “Asumo a dirección de atlanTTic con moita ilusión, ambición e responsabilidade”, declara. Neste sentido, cómpre salientar que atlanTTic foi o centro TIC galego líder en captación de recursos en 2025, con máis de 19 millóns de euros captados.

O centro atlanTTic forma parte da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) e reúne actualmente máis de 200 profesionais. Desenvolve a súa actividade investigadora en ámbitos como as comunicacións terrestres e espaciais, as tecnoloxías duais, os semicondutores III-V, as tecnoloxías cuánticas e a ciberseguridade. González Castaño sinala que “atlanTTic é un centro que xera valor para a comunidade a través dunha investigación de excelencia no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación e do seu compromiso coa transferencia de coñecemento. O reto é seguir facendo medrar atlanTTic, reforzando a súa capacidade investigadora e a súa proxección, e estreitando os vínculos coa sociedade e co tecido empresarial”.

Fonte: DUVI.