Universidade de Vigo

atlanTTic, un dos centros de investigación da UVigo que recibe financiamento da Xunta de Galicia

As tres universidades públicas galegas e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia asinaron onte dous acordos de colaboración en materia de actividade investigadora e financiación para os Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS).

O conselleiro destacou que “nos últimos tres anos os Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) lograron uns datos verdadeiramente notables, cunha repercusión positiva próxima aos 80 millóns de euros en proxectos competitivos e con preto de 1800 investigadores e investigadoras traballando neles. Os logros obtidos polos centros de investigación de Galicia confirman que estes polos son a xoia da coroa dos nosos proxectos de I+D+i”, dixo o titular de Universidades da Xunta.

Pola súa banda, os centros de investigación acreditados da Universidade de Vigo recibirán preto de 1,4 millóns de euros da Xunta de Galicia co obxectivo de impulsar o sector das TIC na comunidade, dos que atlanTTic recibirá unha cuantía duns 300.000 euros.

Conselleiro e reitores asinaron tamén outra colaboración, por importe de 4 millóns de euros, para financiar o funcionamento dos servizos e infraestruturas científico-tecnolóxicas das universidades, dos que a UVigo percibirá 1,2 millóns de euros.