Universidade de Vigo

Galicia acolle en xuño o principal encontro nacional de ciberseguridade

• As xornadas terán lugar do 21 ao 23 de xuño en Vigo
• atlanTTic e Gradiant organizan o congreso

As VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad (JNIC), a principal referencia en xeración de coñecemento e innovación de ciberseguridade a nivel estatal, celebraranse en Vigo do 21 ao 23 de xuño. As xornadas están organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e o centro tecnolóxico Gradiant. A iniciativa conta co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).

Trátase da primeira vez que este encontro recala en Galicia desde a súa posta en marcha no 2015, despois do seu paso por León, Granada, Madrid, San Sebastián, Cáceres e Bilbao. As xornadas terán lugar na sede Afundación de Vigo. As persoas que queiran participar poden inscribirse a partir do 10 de abril.

JNIC é un congreso científico para o intercambio de coñecemento e experiencias no eido da ciberseguridade entre a comunidade académica, investigadora e as empresas. Nesta edición, as xornadas centraranse en tres eixes: Investigación, Transferencia e Formación en Ciberseguridade.

A ciberseguridade forma parte da identidade de atlanTTic, desde a súa fundación en 2010. Desde o noso Centro executáronse 27 proxectos (8 europeos) neste ámbito, transferiuse o coñecemento xerado ao tecido económico impulsando  a súa competitividade e levado con éxito os seus resultados ao mercado, posicionándose como referentes internacionais nas últimas tecnoloxías en ciberseguridade”, afirma Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic.

“Nos últimos catorce anos, desenvolvimos máis de 45 proxectos no campo da ciberserguridade. Hoxe 30 dos nosos e das nosas 160 profesionais adícanse a xerar innovacións e solucións de ciberseguridade. Organizar estas xornadas é un impulso para seguir crecendo neste ámbito”, afirma Luis Pérez-Freire, director xeral de Gradiant.

Desde o seu lanzamento, JNIC consolidouse como o foro científico-técnico para a presentación das principais contribucións no ámbito da ciberseguridade. Nesta edición, ademais da valoración dos traballos de investigación máis destacados, púxose en marcha unha iniciativa para poñer en valor os mellores retos en ciberseguridade desde un punto de vista práctico. O envío de artigos para valoración pode facerse ata o día 31 de marzo e ata o 31 de abril no caso dos retos.

As xornadas celébranse coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Nodo Galego de Ciberseguridade Ciber.gal, e Red de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridad (RENIC), Optare Solutions, ViewNext e a Cátedra R en Ciberseguridade.

Sobre atlanTTic

O Centro de Investigación atlanTTic desenvolve a súa actividade científica e de transferencia de coñecemento no eido das tecnoloxías de telecomunicación e os servizos dixitais. Na actualidade, conta cun equipo multidisciplinar formado por máis de 150 personas e consolidou o seu liderado en I+D+i cun total de 8,4 millóns de euros de ingresos no último año.

Sobre Gradiant

Cunha plantilla que supera os 150 empregados e unha facturación de 8,5 millóns de euros en 2022, Gradiant constituise como un referente do sistema nacional de I+D+i. Gradiant concluiu desde o 2007 máis de 340 proxectos. Ademais, liderou directamente desde Galicia a concepción e o desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas en colaboración con institucións, públicas ou privadas, de 30 países.

Consulta máis información sobre as xornadas e como inscribirse en https://2023.jnic.es