Universidade de Vigo

O centro atlanTTic desenvolve aplicacións para a detección temperá de deterioro cognitivo

Investigadores e investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo traballan no desenvolvemento de aplicacións para a detección temperá do deterioro cognitivo en persoas de idade avanzada. Estas aplicacións, Panoramix e DigiMoca, empregan técnicas de Intelixencia Artificial (IA) para avaliar os e as pacientes e preténdese testar a súa efectividade en centros sociosanitarios de Galicia.

No marco destes dous proxectos estes mes comezarán a realizar probas con persoas usuarias de centros de día como o de Parque Castrelos de Vigo. Manuel Fernández Iglesias, Luis Anido Rifón e Noelia Lago Priego, persoal investigador de atlanTTic, tiveron a ocasión de conversar tamén con usuarios e usuarias do centro diúrno, así como con profesionais e responsables do servizo.

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu tamén á visita e destacou a importancia de aproveitar as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar a atención e os coidados ás persoas maiores.

Podes ler máis sobre os proxectos Panoramix e Digimoca nesta reportaxe de Faro de Vigo: https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2023/04/19/inteligencia-artificial-anticipar-deterioro-cognitivo-86179083.html