PictoXacobeo, a app que fai máis accesible o Camiño de Santiago

Buscaban unha solución tecnolóxica capaz de mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago e o resultado é PictoXacobeo, unha aplicación para Android deseñada especificamente para facilitar a interacción dos peregrinos do Camiño de Santiago con necesidades comunicativas especiais (trastornos da fala, comprensión lectora e escritora, dificultades da linguaxe, etc.). Falamos do Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic -o centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo-, un equipo cunha longa traxectoria no desenvolvemento de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles, que desta volta ten contado coa colaboración da Xunta a través dunha achega de case 4.000 euros do programa O teu Xacobeo.

Dispoñible nos seis idiomas máis usados no Camiño
PictoXacobeo é unha solución tecnolóxica de inclusión e participación social que permite seleccionar pictogramas e crear frases, facilitando a comunicación entre os peregrinos. A principal vantaxe desta app é “a posibilidade de que persoas con dificultades para comunicarse poidan facelo sen dificultade nun escenario específico coma é o Camiño de Santiago e, máis concretamente, nos albergues, no locais de restauración, nas tendas e nas igrexas”, salienta Enrique Costa, investigador responsable deste proxecto, quen fai fincapé en que, ademais, ao estar dispoñible nos seis idiomas máis usados no Camiño –español, inglés, francés, alemán, italiano e portugués-, o usuario poder ver a configuración dos pictogramas no seu idioma e, ao mesmo tempo, xerar a mensaxe noutra lingua, de maneira que pode comunicarse sen problema coas persoas locais ou con outros peregrinos/as que falen outro idioma.

Ler a noticia completa no DUVI