CIBER.gal 2022

A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acollerá os días 9 e 10 de novembro a segunda edición do Encontro Galego en Ciberseguridade CIBER.gal. Durante as dúas xornadas de obradoiros, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais, concursos e ata mostras de hacking en directo, abordarase o estado da ciberseguridade nas empresas, traballadores e na cidadanía. CIBER.gal é o nodo conformado polas administracións públicas galegas e institucións privadas que, de xeito colaborativo, buscan facer fronte ás ameazas que supoñen os ataques cibernéticos e aproveitar as oportunidades que presenta a nova era dixital.

Durante a primeira xornada do evento, o 9 de novembro ás 13:10h, Ana Fernández Vilas, investigadora de atlanTTic, participará na mesa redonda “Galicia: á vangarda da I+i en ciberseguridade”. Fernández Vilas é ademais directora da Cátedra R, patrocinador VIP do CIBER.gal. A Cátedra R colaborará e participará en relatorios, obradoiros e actividades, e finalmente, o 10 de novembro, realizará a entrega dos IV Premios Cátedra R en Ciberseguridade UVIGO-UDC.

Para participar no evento podes inscribirte na seguinte ligazón.