O Centro de Investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, en colaboración coa Armada Española, organiza a xornada “Tecnoloxía e innovación a bordo”, que terá lugar o vindeiro 25 de maio a bordo da fragata F-102 “Almirante Juan de Borbón”.
Esta iniciativa ten como obxectivo achegar ao público algunhas das tecnoloxías e innovacións que fan posible o funcionamento de plataformas navais avanzadas, ofrecendo unha oportunidade única para coñecer desde dentro sistemas e capacidades presentes nunha fragata da Armada.
A visita á fragata complementarase cunha breve contextualización sobre as liñas de investigación que desenvolvemos en atlanTTic en ámbitos como as comunicacións avanzadas, a intelixencia artificial, a ciberseguridade, os sistemas autónomos, o radar ou as tecnoloxías duais aplicadas ao sector marítimo e naval.
A través da colaboración con empresas e institucións do ecosistema naval e de defensa, en atlanTTic participamos desde hai décadas en actividades de I+D+i relacionadas con tecnoloxías estratéxicas para contornas marítimas complexas, contribuíndo ao desenvolvemento de capacidades con aplicación tanto no ámbito civil como no da defensa.
Data: 25/05/2026, entre as 16:00 e as 18:00 h (duración da visita: 40 min)
Lugar: Peirao de Transatlánticos, Estación Marítima de Vigo (ver ubicación)
Inscrición gratuíta (prazas limitadas): formulario