A deputada socialista e docente investigadora do Departamento de Fundamentos da análise económica e historia e institucións económicas da UVigo, Ángeles Marra, visitou nas últimas horas as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic. Acompañada pola vicerreitora da Investigación, Belén Rubio; o director do centro Martín Llamas e o investigador Felipe Gil, a tamén voceira socialista da Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital no Congreso tivo ocasión de presenciar varias demostracións que permiten coñecer os avances que achega o 5G na redes de comunicacións móbiles.
“As redes 5G achegan comunicacións radio máis veloces, pero ademais aparecen novas arquitecturas e tecnoloxías que supoñen un avance máis relevante”, destacaron os investigadores de atlanTTic, que citaron algúns exemplos como que os compoñentes da rede agora virtualízanse, o que permite adaptar a rede ás necesidades instantáneas de comunicación. “Isto permite”, explicaron Llamas e Gil, “ que a mesma rede sexa capaz simultaneamente de soportar comunicacións masivas (IoT), de baixa latencia, ou de alta calidade, isto está relacionado co network slicing. Tamén se poden despregar servizos cerca dos usuarios finais edge computing”.