Universidade de Vigo

Dispoñemos dunha serie de infraestruturas singulares para o correcto desenvolvemento da actividade do noso persoal investigador, que tamén son postas en valor mediante a prestación de servizos á comunidade científica e empresarial en xeral, favorecendo o impulso e fomento de relacións con outras institucións, organismos públicos, centros de investigación e empresas.

Laboratorio de Alta Frecuencia

Laboratorio dedicado ao deseño, simulación e caracterización de circuítos e dispositivos de alta frecuencia destacándose entre o seu equipamento: sistema de medidas de gran sinal calibrado vectorialmente, baseado no analizador non lineal de redes (NVNA) PNA-X de Keysight Technologies, ancho de banda de 20 MHz a 50 GHz por debaixo de 1 W, ata 20 GHz para 20 W; estación de puntas de proba sobre a oblea, Cascade, con control de temperatura entre 10-200 ºC; mesa antivibración ThorLabs; analizador de sinal CXA de Keysight Technologies, hasta 26 GHz; analizador lineal vectorial de redes (VNA) HP8510C (45Mhz a 50 GHz); analizador non lineal de redes en banda base, 10 kHz-45 MHz, NMDG; 5 xeradores de sinal vectoriais e analóxicos, en distintas bandas de frecuencia.

Land Based Test Site (LBTS)

Laboratorio situado no Parque Loxístico Tecnolóxico (PTL), que alberga un demostrador do Sistema de Servizos Integrados (SSI), un proxecto desenvolvido para Navantia na liña de buques 4.0 e xemelgos dixitais.

Neste laboratorio tamén se desenvolveron outros demostradores: o DIAR (Demostrador Instrumental de Alta Resolución) e o DIFI (Demostrador Instrumental de Firma Infravermella), sistemas para medida da firma radar e firma infravermella (IR) de unidades navais, terrestres o aéreas, e un terceiro sistema, o DIGE (Demostrador Instrumental de Guerra Electrónica), sistema para adestramento e diagnóstico de equipos de guerra electrónica.

Laboratorio de Medidas Radioeléctricas (LMR)

O LMR dispón dunha cámara anecoica para medidas electromagnéticas de 9mx7mx7m (L x W x H) e do equipamento técnico necesario para prestar servizos de ensaio e medidas de antenas, de compatibilidade electromagnética, de sección radar e de medidas de sinais electromagnéticas de diversa índole tanto á comunidade universitaria como a centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas.

A cámara está deseñada para operar ata 40 GHz e equipada con, entre outros, sistemas de posicionamento automatizado de alto rendemento, equipos de alta gama, software de transformación de campo afastado e un sistema de medición de rango esférico.

Laboratorio QOPHI (Quantum, Communication, Photonics & Integration)

O equipamento técnico dispoñible no laboratorio QOPHI permite prestar servizos especializados de I+D, de deseño, de asesoramento técnico experto e de consultoría en fotónica e fotónica integrada: deseño e simulación de circuítos integrados fotónicos (PIC) en InP, SiN e Si; caracterización óptica e eléctrica de PIC a nivel de oblea e cela; caracterización de circuítos en mesa óptica en espazo libre e con fibra óptica.

Entre o seu equipamento, ademais do setup para caracterización de chips fotónicos, inclúe un potente servidor de alto rendemento (HPC) para analizar a seguridade de sistemas de criptografía cuántica con tecnoloxía fotónica para reforzar a actividade no deseño de dispositivos fotónicos integrados e as comunicacións cuánticas seguras.

Estación terrea

Cóntase con dúas estacións terreas para o seguimento e operación de satélites. Ambas estacións dispoñen de antenas e equipos para VHF, UHF, banda L e banda S.

As estacións empréganse tamén para dar soporte a misións doutras entidades durante as fases de LEOP e commissioning, así como en situacións de continxencia. Tódalas súas operacións están automatizadas, requirindo polo tanto unha mínima intervención dos operadores durante os períodos de comunicación cos satélites.

5G & 6G Communications Networks Laboratory

Este laboratorio, posto en servizo en 2020, está dotado de infraestruturas singulares para a xeración e medida de sinais de proba, así como dispositivos de Radio Definida por Software (SDR) para a xeración de sinais compatibles con terminais comerciais. Entre o seu equipamento destacan: 6 servidores, analizador de protocolos, xerador de sinais, sistema SDR de acceso 5G, analizador vectorial, analizador de espectros e de sinal.

O laboratorio dedícase á investigación en tecnoloxías 5G e posteriores para reforzar a capacidade de traballo en virtualización de funcións de rede, coexistencia de servizos, programabilidade dos dispositivos de comunicacións e caracterización do medio en novas bandas de frecuencia.

Sala Limpa (ISO 7)

Cámara limpa clase 10000 equivalente a ISO 7, cunha superficie de 9m² de zona limpa e outros 9m² de pre-cámara. Dispón das instalacións necesarias para protección ESD (toma de terra, solo disipativo, mantas ESD…), instalación eléctrica protexida, SAI, tomas de rede e WiFi. Nesta cámara lévanse a cabo habitualmente actividades de AIV para pequenos satélites, incluíndo tests a nivel de subsistema e sistema e integración de satélites.

Smart Room

Esta infraestrutura permite investigar a creación de sistemas informáticos capaces de interpretar a comunicación e accións humanas. Está deseñada como unha sala intelixente sensorizada con cámaras e micrófonos que permiten analizar automaticamente o que sucede dentro da mesma, tomar decisións e ofrecer diferentes puntos de vista do que fan os usuarios dentro, e proporcionar información útil a estes en relación coas súas actividades.

Cámara Acústica Semianecoica

Este espazo proporciona as condicións acústicas de referencia necesarias para poder caracterizar fontes sonoras sen a influencia de reflexións e reverberación. Nesta sala pódense abordar, entre outros, ensaios de potencia acústica (normas UNE EN ISO 3744, 3745 e 3746), verificación de fontes sonoras conforme aos requisitos da norma UNE EN ISO 140-5, así como a caracterización de diversos materiais.

A infraestrutura compleméntase cunha sala de control Non Environment, que consiste nun espazo de escoita controlado, que proporciona una resposta en frecuencia uniforme desde 20 Hz a 20.000 Hz.

A sala está conectada coa cámara semianecoica: os equipos de ensaio e gravación están instalados na sala de control, permitindo monitorizar e rexistrar tanto o vídeo como o audio dos ensaios realizados na cámara semianecoica. A configuración da sala e as súas condiciones acústicas permiten avaliar a calidade acústica de fontes sonoras e de sistemas de codificación de audio.

Cámara de Termo-Baleiro

Infraestrutura que permite a realización de probas de termo-baleiro de pequenos satélites, resultando de gran utilidade tanto para o desenvolvemento da liña de investigación en tecnoloxías aeroespaciais como para a súa posta en valor mediante a prestación de servizos especializados ao tecido industrial. Entre as súas especificacións destacan: cámara cilíndrica de 450mm x 500 mm; presión 10-2 mbar; temperaturas -150°C a +150°C; velocidade de quecemento e arrefriamento ±2ºC/min.