Catro horas por diante para demostrar as súas habilidades en ciberseguridade. 111 estudantes participan esta tarde no CITIC Cyber Competition, un reto organizado polo CITIC, atlanTTic, a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade). A cita desenvólvese simultaneamente nos campus de Vigo e A Coruña e tamén en modalidade virtual.
No campus de Vigo participan 28 alumnos e alumnas, principalmente do grao u dos mestrados da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, repartidos en oito grupos, que ao longo da tarde están a enfrontarse a retos relacionados con diversas temáticas, como a esteganografía, é dicir, as técnicas que permiten ocultar mensaxes ou datos dentro doutros de xeito que non se perciba súa existencia; a ciencia forense ou o pentesting, unha práctica consistente en atacar un sistema informático coa intención de atopar as súas debilidades de seguridade. En total, a competición comprende 22 retos divididos nas seguintes categorías: reversing, web, forense, esteganografía, osint, rede e criptografía.
No campus de Vigo o evento estaba previsto que se celebrase nas instalacións de atlaTTic, pero finalmente, ante o elevado número de persoas inscritas, a organización decidiu trasladar a cita ao novo espazo Incuvi, na praza Miralles. A estes estudantes en Vigo súmanse outros 51 que participan dende a sede da Coruña no CITIC e outros 60 que compiten en modalidade virtual.
Premios para os tres primeiros equipos
Esta actividade vén a estreitar aínda máis os lazos entre as universidades de Vigo e A Coruña, que manteñen unha estreita colaboración no eido da ciberseguridade que se materializa nun mestrado interuniversitario neste eido e na Cátedra R que tamén comparten ambas institucións. Os encargados de dar a benvida ás e aos participantes e de inaugurar a competición foron Martín Llamas, director de atlanTTic; Manuel F. González Penedo, director do CITIC da Universidade da Coruña e Alfredo Ramos, director de R e grupo Masmovil en Galicia. Os galardóns entregaranse ás 20.00 horas de mans de Ana Fernández Vilas, coordinadora do MUNICS na Universidade de Vigo e Francisco Javier Nóvoa, coordinador do MUNICS na Universidade da Coruña.
Á ultima hora desta tarde coñeceranse os gañadores da competición, que se poden levar tres premios por valor de 1.000€, 700€ e 300€, así como agasallos para todas as persoas participantes en modalidade presencial. Estes galardóns están financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade.