Universidade de Vigo

atlanTTic participa na primeira proba das aplicacións do 5G para desenvolver un “smart campus”

Da man da tamén viguesa Optare Solutions e de Orange, desenvolveron dúas probas hoxe na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

O Centro de Investigación das Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, participou esta mañá na primeira proba que acolle un campus galego das novas capacidades da tecnoloxía 5G, neste caso, aplicadas a ámbitos como o da seguridade ou a xestión da mobilidade. O proxecto no que colabora o centro pretende avanzar nos novos usos desta tecnoloxía dentro do Plan Nacional 5G financiado por Red.es, e no que colabora a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Da man de Orange, Ericsson e a compañía viguesa Optare Solutions, os investigadores de atlanTTic Rubén Pérez Vaz, Alberto Estévez Caldas, Brais Blanco Carballeira, José Manuel Rúa Estévez e José Antonio Álvarez, dirixidos por Felipe Gil Castiñeira  e Francisco Javier González Castaño, do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, adcrito ao centro, puxeron en práctica dúas probas para amosar a resposta inmediata da tecnoloxía empregada.

A presentación contou coa presenza do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e o profesor e investigador Felipe Gil, por parte da Universidade de Vigo. En representación de Optare Solutions contouse coa participación do seu director xeral, Luis Alves, e do seu responsable de Innovación, Xosé Ramón Sousa, aos que tamén se engadiron Óscar Aragón, Jesús Costoya e Amelia Sánchez, en representación da empresa Orange.

A dificultade do escenario radicaba na utilización da tecnoloxía edge computing, que achega o cómputo na nube ao lugar onde se usan os seus resultados, para que sexa capaz de dar unha resposta rápida e útil en escenarios imprevistos. Segundo explicou Rubén Pérez, responsable técnico do proxecto, “as probas consistiron en utilizar unha antena 5G de Orange, colocada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e conseguir a través dela que un vehículo accedese a unha zona valada, só coa lectura da súa matrícula e, en remoto, obter autorización para acceder á mesma”. No caso da segunda proba posta en marcha esta mañá no campus vigués, “o que se intentaba era que, a través dunha cámara unha persoa puidese recibir autorización para entrar nunha zona limitada. No caso dun acceso non autorizado activaríase, en remoto tamén, unha alarma e poríase en marcha un drone capaz de seguir os pasos desa persoa mediante una aplicación autónoma remota sobre 5G”, indicou Pérez.

O investigador explicou que as probas efectuadas hoxe no campus vigués amosan que o 5G ten unha gran capacidade para dar unha resposta inmediata en remoto.

Referente en 5G

atlanTTic conta cunha infraestrutura propia, o Laboratorio 5G & Beyond, froito dun convenio con Amtega e Retegal, polo que é un dos centros de investigación nacionais con máis coñecemento nesta tecnoloxía. A súa infraestrutura, con equipamento específico, pode albergar todo tipo de probas e a súa posta en marcha enmarcouse no Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G e no que o centro de investigación participa desde 2020. O investigador do centro e profesor da E.E. de Telecomunicación, Felipe Gil, participa en diferentes pilotos de Red.es, tamén colabora con grandes tractores industriais e mesmo forma parte dun proxecto específico no ámbito da mobilidade no que tamén participa Stellantis.

atlanTTic, posto en marcha en 2010, é un centro de investigación que colabora cos principais operadores de telefonía no desenvolvemento de novos usos creando sinerxias tanto con empresas como con institucións co obxectivo de mellorar a vida das persoas.