O proxecto europeo rurAllure, liderado pola Universidade de Vigo, gañou o premio Destination of Sustainable Cultural Tourism 2023 na décima edición dos ECTN Awards, celebrada este mes na cidade chipriota de Paphos. Organizados pola Rede Europea de Turismo Cultural (ECTN) en asociación con Europa Nostra, a Comisión Europea de Viaxes e NECSTouR, trátanse duns dos galardóns máis apreciados na industria do turismo cultural e teñen como obxectivo mellorar a visibilidade dos destinos turísticos culturais europeos, crear unha plataforma para compartir experiencias e coñecementos e promover o traballo en rede entre destinos.
Para o coordinador do proxecto, Martín López Nores, investigador de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, conseguir este premio é un recoñecemento moi importante ao traballo levado a cabo xa dende antes de que comezara o proxecto en xaneiro de 2021, pois os preparativos remóntanse a outubro de 2019. “O premio permitiranos acadar un plus de visibilidade que virá moi ben de cara á continuidade do proxecto nos vindeiros anos, nos que os principais resultados haberán de consolidarse e avanzar por si mesmos”, destaca o investigador.
Premio á dixitalización e sostibilidade no turismo
A ECTN é unha organización creada en 2009 coa misión de reunir a profesionais do turismo e da industria cultural que traballan en diferentes rexións de Europa para intercambiar experiencias e información sobre boas prácticas, dando pé a desenvolver novos enfoques e innovacións. A ECTN ten como obxectivo acadar un alto nivel de colaboración entre os seus membros no ámbito do turismo cultural e establecer unha estreita cooperación coas institucións da Unión Europea e outras organizacións internacionais, redes e institucións públicas de todo o mundo.
O xurado dos premios que concede a ECTN, composto por especialistas de varios países europeos, destacou nesta ocasión o labor de rurAllure pola súa achega no desenvolvemento sostible do turismo (económico, social, ambiental), o uso de ferramentas innovadoras, a implicación de socios locais e o fomento do turismo inclusivo.
O proxecto atópase xa na súa fase final
O proxecto rurAllure atópase xa na súa fase final e, neste senso, o investigador Martín López Nores fai un balance moi positivo dos resultados acadados. “O consorcio levou a cabo un traballo notable en todos os territorios propostos inicialmente, e máis aló. A rede de entidades cooperadoras, involucradas en maior ou menor medida nos distintos pilotos, supera as 120 organizacións, ao tempo que temos interactuado directamente con máis de 2.000 peregrinos de todo tipo de perfís e, por outra banda, a nosa presenza en feiras como FITUR, TTG e Fairway permitiunos chegar a unha morea de axentes profesionais que serán clave na explotación dos resultados”. Destaca ademais que “non faltan ideas, contactos nin expresións de interese para seguir dando pasos no futuro próximo”.