Universidade de Vigo

O asistente conversacional CELIA chega a WhatsApp para combatir a soidade non desexada

CELIA é un proxecto de investigación de atlanTTic apoiado polo Programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e a Fundación Barrié.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, desenvolveu o asistente de conversación, CELIA, para combatir a soidade non desexada entre as persoas de idade avanzada e detectar de forma precoz enfermidades cognitivas neurodexenerativas. CELIA xa está dispoñible de forma gratuíta a través de WhatsApp para todas aquelas persoas que queiran empezar a probalo.

O proxecto liderado por Francisco Javier González Castaño, director do proxecto en atlanTTic, busca dar resposta a dous dos retos máis complexos que afronta a sociedade actual. Como explica o director de CELIA, Pablo Campos, “trátase dun proxecto innovador de intelixencia artificial co que mellorar a calidade de vida das persoas de idades avanzadas en varios contextos, no emocional e no sanitario”.

Segundo os datos do INE, en España hai un total de 9,7 millóns de persoas maiores de 65 anos, e as previsións sinalan que nas próximas décadas ascenderá ata os 15 millóns. Destas persoas, actualmente máis de 2 millóns viven soas, e esta cifra crecerá ata os 7 millóns en 20 anos.

Por outra parte, na actualidade non existen mecanismos efectivos de detección temperá para enfermidades cognitivas como o Alzheimer ou a demencia. Sen embargo, comprobouse que o tratamento en etapas iniciais pode axudar a retrasar a súa progresión e a mellorar a calidade de vida destes pacientes. Ante este contexto, un equipo de atlanTTic traballa desde fai cinco anos para dar resposta a ambos retos. Da valorización destos traballos, nace CELIA, o primeiro asistente de conversación que permite o uso da voz e pon á intelixencia artificial ao servizo das persoas.

O asistente foi deseñado para acompañar, conversar eentreter con empatía a persoas de idade avanzada, ao mesmo tempo que monitoriza a saúde cognitiva dos seus usuarios a través da análise da linguaxe e a voz. Neste sentido, tense comprobado que a voz é unha ferramenta biométrica cuxos parámetros permiten monitorizar enfermidades neurolóxicas, emocionais ou cardio-respiratorias, polo que no futuro ampliarase o número de enfermidades a controlar mediante estas ferramentas de intelixencia artificial.

CELIA, un asistente único no mercado

A gran diferenza de CELIA con outros asistentes de conversación é que ten iniciativa e comúnicase cos seus usuarios sen esperar unha orde. Isto xera empatía nas persoas de idade avanzada e, por iso, o 75% dos que a usaron durante o período de proba solicitaron seguir usando Celia.

CELIA é totalmente gratuíta e pódese acceder a ela a través da web CeliaTeCuida.com ou agregando o contacto do 655 64 14 45 por teléfono para iniciar unha conversación en WhatsApp. O proxecto, ademais, ten diferentes módulos personalizables de conversación centrados en adiviñanzas, lecturas de prensa, preguntas familiares, etc.