O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, organiza xunto coa Cátedra R en Ciberseguridade (UVigo, UDC e a empresa R) e o CITIC da Universidade da Coruña, a primeira edición de TalentoCibeR, un evento que ten por obxectivo dar visibilidade ao talento en ciberseguridade de Galicia e fomentar novas vocacións situando no mesmo espazo empresas e talento.
A xornada terá lugar o vindeiro 14 de marzo e o programa incluirá obradoiros prácticos, unha mesa coloquio e a terceira edición da competición “C3TF”, en formato Capture The Flag. O encontro celebrarase de maneira simultánea en Vigo, A Coruña e tamén en remoto.
Este evento conta co apoio do Facultade de Informática da Universidade Coruña (FIC), a Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo (EET), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol e Microsoft.
Obradoiros e charlas sobre ciberseguridade
TalentoCibeR comezará coa celebración de dous obradoiros en paralelo: un dirixido ao alumnado de Ciclo de Formación Profesional (ciclos na área TIC) e outro a estudantes de graos técnicos (IA, Datos, Informática, Telecomunicacións, Industriais…).
O primeiro obradoiro, “O inicio do procedemento forense informático: adquisición de evidencias en PC, móbiles e pendrives USB”, estará a cargo de Rafael López García, profesor do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol. Neste curso ensinarase como adquirir certas evidencias forenses en distintos dispositivos empregando tanto ferramentas hardware (clonadoras) como ferramentas software gratuítas (FTK Imager, Caine, adb, WhatsApp Key/DB Extractor, Avilla Forensics, etc). Celebrarase Sala Network do CITIC e na Aula T214 da EET.
O segundo obradoiro denominado “Nova era: seguridade holística en Microsoft 365 e resposta automatizada antes incidentes usando IA” será impartido por Manuel García González, Senior Security Architect de Microsoft. Estará enfocado na suite de licenciamento de Microsoft 365 E5 na xestión de licenzas trial. Terá lugar no CITIC e no Salón de Graos da EET. Cada seminario terá dúas horas de duración e as inscricións poden realizarse a través da seguinte ligazón.
A continuación terá lugar a mesa coloquio “Empregabilidade e saídas profesionais de ciberseguridade” na que representantes das universidades de Vigo e A Coruña, xunto a profesionais de empresas galegas, darán resposta a preguntas tales como: que futuros poden abrirse unha vez rematada a formación universitaria ou de FP, ou cales son os perfís nacionais e internacionais da carreira profesional en ciberseguridade, entre outras.
Finalizado o debate, o público asistente poderá intercambiar impresións cos relatores nun petisco. Será na Sala Cloud do CITIC e no Salón de Graos da EET, e tamén é preciso inscribirse previamente a través neste formulario.
Competición C3TF
Outra das partes importantes da xornada é a celebración da terceira edición do C3TF, unha competición en formato CTF (Capture The Flag) ou “captura a bandeira”, na que os e as participantes de Bacharelato, Formación Profesional, Grao e Máster de centros educativos de España terán que resolver durante catro horas diferentes retos relacionados con ámbitos da ciberseguridade e no menor tempo posible.
Para coñecer as condicións de participación e inscribirse no C3TF, que ten prazas limitadas, haise que rexistrar na web c3tf.io.
Repartiranse tres premios ao ciber reto, financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade, aos equipos gañadores: o primeiro equipo clasificado recibirá 1.000€, o segundo 700€ e o terceiro premio será de 400€.