Universidade de Vigo

atlanTTic ultima os preparativos do congreso internacional no que se presentarán os últimos avances en seguridade multimedia

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, ultima esta semana os preparativos do 12º ACM Workshop on Information Hiding and Multimedia Security, IH&MMSec’24, un dos eventos máis relevantes a nivel internacional no ámbito da ocultación da información e a seguridade multimedia, no que se presentarán os últimos avances que se están realizando nestes ámbitos en institucións académicas, industriais e gobernamentais de todo o mundo, tanto desde o punto de vista teórico como de novidosas aplicacións industriais e comerciais.
 
O encontro celebrarase do 24 ao 26 de xuño no parador Baiona baixo a dirección do profesor Fernando Pérez, líder do Grupo de Investigación en Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) de atlanTTic, equipo pioneiro con máis de 25 anos de experiencia no estudo da ocultación de información e seguridade multimedia. Na organización deste congreso contan co apoio da ACM (Association for Computing Machinery) e a colaboración de Gradiant, o Concello de Baiona e os proxectos Uncover, Trumpet e Truffles. 

Investigación de vangarda

IH&MMSec’24 conta cun amplo programa que inclúe presentacións de artigos de investigación, mesas redondas e sesións especiais, nas que participarán profesionais de países como Alemaña, China, Francia, Italia e Estados Unidos.

Nas máis de 30 ponencias de investigadores e investigadoras internacionais, seleccionadas tras un esixente proceso de revisión por pares, abordaranse diferentes temáticas relacionadas coa seguridade da información e ocultación de información, como esteganografía, esteganálise, marcas de augua dixitais e anonimidade. O programa tamén cubrirá diversos temas de seguridade multimedia, como a autenticación multimedia, a forensía multimedia, a biometría e a privacidade. Ademais, haberá catro sesións especiais sobre detectores confiables, stego-malware, detección de deepfakes de audio e privacidade e seguridade na  aprendizaxe federada. 

Desde a organización destacan tamén que esta edición contará con tres conferencias invitadas que correrán a cargo de Gwenaël Doërr, de Synamedia (Francia), que se centrará na utilización de ferramentas dixitais para combater a piratería de vídeo; Christian Riess, da Universidad Friedrich-Alexander Erlangen-Nürnberg (Alemaña), que afondará na tradución de avances teóricos na forensía de imaxes en aplicacións prácticas; e Jonathan W. Hak, da Universidad de Leiden (Holanda), que discutirá as aplicacións da forensía multimedia en investigacións criminais.

Mesa redonda sobre IA e análise forense dixital

O programa inclúe tamén unha sesión impulsada polo proxecto europeo Uncover, que abrirá coa charla plenaria de Jonathan W. Hak e unha mesa redonda sobre o uso da Intelixencia Artificial na análise forense de datos multimedia e en esteganografía.

Na mesa redonda titulada Navegando a Fronteira da IA: Desafíos na Forensía Multimedia e a Esteganálise participarán Matthias Kirchner (Kitware Inc., EEUU); Ralf Zimmermann (ZITiS, Alemaña); Jonathan W. Hak (Leiden University, Holanda); Mauro Barni (University of Siena, Italia); e Jessica Fridrich (Binghamton University, EE.UU.), que representarán ao ámbito empresarial, gobernamental, legal e académico, respectivamente, e estará moderada por Luis Pérez Freire, de Gradiant.

O prazo de inscrición ao congreso estará aberto ata o 15 de xuño e pódese realizar a través da plataforma en liña da Universidade de Vigo.

Fonte: DUVI.