Universidade de Vigo

Experiencia piloto no campus para probar a resposta das tecnoloxías máis avanzadas na xestión de situacións de emerxencia

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo e as firmas Optare Solutions e MasOrange, resultante da fusión de Orange e MásMovil, levaron a cabo este martes no campus de Vigo unha experiencia piloto dirixida a probar a combinación das tecnoloxías 5G, Edge Computing e intelixencia artificial na xestión de situacións de emerxencia e na busca de persoas desaparecidas.

A proba piloto, na que participou a unidade especialista en drons da policía local de Vigo, Unidade Fénix, levouse a cabo cun dron dotado con cámaras de vixilancia para a captura de vídeo en tempo real e nunha contorna Edge con métodos avanzados de procesamento de vídeo mediante intelixencia artificial. Foi no aparcadoiro da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e empregando cartuchos de fume para simular un incendio.

Un sistema de baixo custe que combina 5G, IA e Edge Computing 

Previamente á demostración do sistema tivo lugar nunha das salas da EET unha pequena presentación na que Xosé Ramón Sousa, responsable de Innovación de Optare Solutions, explicou os detalles da posta en marcha deste novo sistema, así como as súas principais vantaxes fronte a outros métodos nos que non se dá a combinación de todas estas tecnoloxías. Nesta liña, Sousa fixo fincapé en que neste proxecto se une a calidade e capacidade da rede móbil 5G de MasOrange, o maior operador de telecomunicacións en España por número de clientes; a ampla experiencia de Optare Solutions como integrador e habilitador de servizos sobre infraestruturas e capacidades dixitais no sector das telecomunicacións, e a solución edgeContinuum, plataforma de Edge Computing desenvolta polo Grupo de Tecnoloxías de Información de atlanTTic co apoio do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación.

“Partimos dun contexto no que os despregues que se acostuman facer para xestionar os incendios teñen un alto custe, sobre todo aqueles asociados á masa forestal, que son os que se propagan con maior virulencia e provocan maiores problemas”, explicou Sousa, quen tamén fixo referencia á habitual falla de subministro eléctrico que traen consigo os incendios, así como a outros inconvenientes como os relacionados coa orografía e coas altas posibilidades de que moitos recursos sexan destruídos polo propio lume. “Neses momentos os satélites poden axudar, pero só ofrecen un punto de vista, mentres que os drons ofrecen unha maior granularidade dos eventos”, recalcou o responsable de Innovación de Optare Solutions, quen resaltou a elevada redución dos tempos de alerta á hora de facer a detección que supón o novo sistema “algo que resulta clave”, así como o seu baixo custe da implantación.

Recollida e procesamento de datos en “tempo real”

Grazas á alta velocidade e ultrabaixa latencia da rede 5G+ de MasOrange, o dron é capaz de transmitir o vídeo capturado na área na que se detecta unha urxencia en tempo real na plataforma edgeContinuum para o seu procesamento. Nesta plataforma analízanse as imaxes mediante a aplicación desenvolvida por Optare Solutions, utilizando un modelo avanzado de intelixencia artificial que permite detectar, por exemplo,  os posibles incendios forestais. Cos resultados da súa execución,  xéranse tamén alertas, permitindo unha resposta rápida e precisa ante as posibles urxencias.

Os participantes nesta proba pretenden, desta maneira, marcar unha revolución na resposta ante  unha situación de emerxencia. No caso dos incendios forestais, o sistema de drons facilita o labor dos servizos de extinción, ofrecendo vídeo en directo para que os corpos de seguridade examinen a zona do incendio contextualizada e avalíen se é segura antes de acceder á mesma. Así mesmo, na procura de persoas desaparecidas, o procesamento das áreas xeográficas realizadas polo dron coa intelixencia artificial permite determinar con gran seguridade a presenza de persoas na zona da busca.

Fonte: DUVI.