Medio cento de entidades de sete países traballando de maneira coordinada para conseguir, a través das tecnoloxías máis intelixentes, mellorar a seguridade das persoas e protexer a súa saúde. Nisto consiste DistriMuSe, Distributed multi-sensor systems for human safety and health, un ‘megaproxecto’ europeo dotado cun orzamento de 34,7 millóns de euros, dos que preto de 500.000 lle corresponden á Universidade de Vigo e, máis concretamente, a atlanTTic, o seu Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, desde onde participan nesta iniciativa 14 investigadores e investigadoras, dirixidos por Felipe Gil e Pablo Fondo, do Grupo de Tecnoloxías da Información.
O proxecto, coordinado polo Centro de Investigación Técnica VTT de Finlandia, busca incrementar a seguridade humana mellorando a detección da presenza e o comportamento humanos mediante sistemas multisensor e de aprendizaxe automática. Partindo do feito de que as actividades cotiás de calquera persoa están asistidas por unha variedade de dispositivos tecnolóxicos intelixentes, desde teléfonos móbiles, ata sensores de saúde pasando por aspiradores autónomos, robots industriais e coches cada vez máis autónomos, os socios do consorcio DistriMuSe destacan que a importancia de que a interacción con estes dispositivos sexa cada cada vez máis fluída, un aspecto que ofrece un gran potencial, pero que tamén expón a desafíos tecnolóxicos e trae consigo certos riscos.
Usuarios e usuarias agardan que os servizos que prestan estes dispositivos estean sempre dispoñibles, pero tamén queren que desaparezan discretamente cando non se precisan. Para conseguilo, a tecnoloxía precisa dispor de sensores que capten a presenza humana, o seu estado mental e físico, as súas actividades e intencións e, para iso, deben estar equipados con sensores e intelixencia dirixidos a comprender realmente ao seu homólogo humano, o que inclúe monitorear estados físicos e mentais e recoñecer actividades ou intencións sen descoidar a privacidade ou a protección de datos.
“Buscamos potenciar os sistemas de sensorización presentes e futuros”
“Buscamos potenciar os sistemas de sensorización presentes e futuros cunha arquitectura distribuída que permita que os sistemas que se lles ofrecen aos usuarios e usuarias finais sexan máis transparentes, ubicuos e satisfactorios”, apunta o catedrático Felipe Gil, ao tempo que explica que para lograr este obxectivo participan no deseño dunha arquitectura distribuída que implementa novos servizos apoiados pola intelixencia artificial, de forma automática e autónoma.
Co obxectivo de que a “monitorización” sexa discreta e continua, utilízanse tecnoloxías de detección como o radar, o lidar, as cámaras e os dispositivos portátiles. Ao despregar múltiples sensores, as solucións permitirán unha mellor cobertura, tanto no tempo como no espazo, ademais de mellorar a precisión. A gran cantidade de datos xerados por estes múltiples sensores procesarase de forma eficiente, distribuíndo os cálculos necesarios entre os recursos dispoñibles.
Tres casos de uso: saúde, seguridade viaria e robótica industrial
DistriMuSe considera tres caos de uso: aproveitar o diagnóstico baseado en medicións na casa para resolver problemas de saúde, protexer peóns e ciclistas con solucións de tráfico automatizadas e facilitar a interacción segura entre humanos e robots na contorna dunha fábrica. “Son casos de uso amplos que buscan resolver problemas comúns, especialmente os dous primeiros (saúde e seguridade viaria). O terceiro (robótica en industria) é máis particular, pero segue afectando a un número de situacións elevado”, explica o responsable na UVigo do proxecto, quen tamén fai fincapé en que, “en calquera caso”, os tres pretenden ser exemplos das aplicación “universais” dos resultados tecnolóxicos do proxecto.
É especialmente relevante o primeiro caso de uso, xa que nel tamén participa o grupo de Tecnoloxías multimedia dirixido por Carmen García Mateo . Nel, trátase de achegar tecnoloxía para utilizar o audio como unha fonte de información que contribúa á monitorización das actividades diarias de persoas con deterioro cognitivo leve e/ou persoas maiores.
A UVigo como experta en 5G
DistriMuSe arrancou o pasado 1 de maio e durará 36 meses. A reunión de lanzamento tivo lugar en Helsinki e en novembro tivo lugar un novo plenario na zona de Stuttgart, en Alemaña. Trátase da continuación do proxecto NextPerception, outro megaconsorcio europeo no que tamén participou a Universidade de Vigo e no que se buscaba crear unha nova xeración de tecnoloxías de detección intelixentes. “Convidáronnos a participar polo noso traballo nas redes 5G e nos servizos de cómputo sobre elas”, explica Gil, quen lembra que nese proxecto tamén participaron máis de 40 socios de sete países.
Nesta ocasión o consorcio DistriMuSe está formado por 50 entidades de sete países (Finlandia, Italia, Alemaña, República Checa, Bélxica e Países Baixos) entre os que se atopan universidades, centros de investigación e numerosas empresas. A representación española inclúe as empresas Acorde Technologies, Safran Electronics and Defense, Evotel Informática e HI Iberia Ingeniería y Proyectos.
Fonte: DUVI.