O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, recibiu este martes a visita dunha delegación da Xunta de Galicia, encabezada por José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades, quen chegou acompañado por Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación (Gain); Irene Bonome, subdirectora Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, e Mercedes Vázquez, xefa do Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación.
Foron recibidos polo reitor Manuel Reigosa, xunto con Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; o director de atlanTTic, Martín Llamas, a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca P. Díaz, entre outros cargos.
Durante a visita, que se enmarca na rolda de encontros da Secretaría Xeral de Universidades e GAIN cos centros de investigación e tecnolóxicos para propiciar sinerxías e maior colaboración, púxose en valor o apoio do Goberno galego a este centro de investigación, no que se leva investido máis de 4M€ das convocatorias de centros de excelencia e de equipamento científico, entre outras. “Para nós é un pracer ver como o esforzo e traballo dos investigadores e investigadoras do centro nos últimos anos, están a conseguir que teñan unha presenza a nivel non só galego, senón tamén internacional”, explicou o secretario xeral.
11M€ de financiamento competitivo só en 2024
Pola súa banda, Martín Llamas, director de atlanTTic, quixo expresar neste encontro o seu agradecemento polo apoio recibido por parte da Xunta de Galicia e da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia, CIGUS.
Entre outras cuestións púxose en valor que dende que botou a andar en 2010, atlanTTic ten acadado numerosos logros. Entre eles, destaca a obtención en 2024 de máis de 11M€ de financiamento competitivo ou as 128 novas publicacións do pasado ano, o 41% en coautoría internacional, así como os 77 novos contratos e convenios con empresas en 2024 por un valor de case 2,7M€. Destaca tamén o importante labor de transferencia de coñecemento que realiza o centro, que participou con cinco proxectos no programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia para levar ao mercado os resultados da súa investigación e dos que resultaron a creación de dúas spin-offs e un acordo de licenza coa industria.
“’Este apoio é fundamental para o noso centro e para a consolidación de atlanTTic como un centro de referencia en investigación e innovación tecnolóxica a nivel nacional e internacional’, destacou Llamas, quen tamén sinalou que este respaldo “permite que poidamos seguir avanzando en proxectos de alto impacto que contribúen ao desenvolvemento científico e ao progreso da sociedade galega”, engadiu, subliñando a importancia de seguir mantendo esta alianza para garantir o futuro da investigación de calidade en Galicia”.
Visita a laboratorios e infraestruturas singulares
“Esta visita é unha ocasión para visitar no terreo como están evolucionando centros como atlanTTic, e cales son as súas necesidades de cara o futuro, tanto en axudas de infraestruturas, persoal, instalacións ou en convocatorias de proxectos, para anticiparnos e axudalos na medida que nos sexa posible”, afirmou o secretario xeral, José Alberto Díez de Castro.
A primeira parada do percorrido polo centro foi o Laboratorio de Medidas Radioeléctricas, onde os investigadores Marcos Arias, Óscar Rubiños, José Vázquez Cabo e Yolanda Rodríguez Vaqueiro, lles amosaron a cámara anecoica, e outros equipos financiados pola Xunta. Logo visitaron o Laboratorio de Redes de Comunicación 5G e 6G, e alí Francisco Javier González Castaño, acompañado por Pablo Fondo e David Candal, presentaron os últimos equipamentos e infraestruturas de experimentación, e as súas capacidades en tecnoloxías 5G e 6G.
No Laboratorio de Seguimento de Satélites, o investigador Fernando Aguado, acompañado por Manuel Diz Folgar, Alejandro Camanzo e Ignacio González Rúa, presentou os principais proxectos de investigación nos que está involucrado o seu grupo no ámbito das tecnoloxías aeroespaciais.
Por último, e para finalizar a visita, coñeceron o Laboratorio de Sistemas Radio, onde Manuel García Sánchez e Ana Vázquez Alejos amosaron algúns dos últimos equipamentos financiados como a cámara CATR.
Fonte: DUVI.