
O investigador Jordi Borràs Pino acaba de ser recoñecido co Premio atlanTTic á mellor tese de doutamento no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación, un galardón convocado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, en colaboración coa sección española do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers). Este galardón, que acada a súa segunda edición, recoñece o traballo de investigación máis destacado neste ámbito realizado en universidades españolas durante o ano 2023. A tese de Borrás, realizada na Universitat Politècnica de Catalunya, aborda un dos retos centrais nas comunicacións sen fíos, a mitigación das interferencias sen coñecemento previo da rede nin coordinación entre transmisores e receptores.
O acto de entrega do galardón celebrouse este luns na sala Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero e contou coa participación do reitor da UVigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e o subdirector do centro, Luis M. Álvarez Sabucedo. Todos os presentes sumáronse aos parabéns ao gañador, polo mérito e calidade científica do seu traballo, recoñecendo que o esforzo en etapas iniciais da carreira investigadora é esencial para construír futuro. O reitor, destacou que a consolidación deste premio “é unha mostra do compromiso do centro atlanTTic e da UVigo coa investigación de excelencia e co apoio ao talento novo, e permítenos visibilizar o traballo que se fai desde universidades e centros punteiros en toda España”. Belén Rubio tamén quixo resaltar que “este galardón é un grande exemplo do tipo de accións que queremos apoiar desde a Universidade de Vigo: iniciativas que fomenten a excelencia, a transferencia e o avance do coñecemento, especialmente en ámbitos tan importantes para o progreso da sociedade como son as telecomunicacións”.
Pola súa banda, Martín Llamas, agradeceu a todas as persoas que fan posible que este premio siga medrando, e resaltou que “desde atlanTTic apostamos por recoñecer aquelas achegas que marcan a diferenza no ámbito das telecomunicacións. Este recoñecemento non só celebra a calidade dunha tese senón que tamén contribúe a conectar xeracións de investigadores e a proxectar talento ao mundo. É unha honra poder contar co apoio do IEEE e da Universidade de Vigo nesta iniciativa”.
Tese gañadora do II Premio atlanTTic
A tese de Jordi Borràs, titulada Opportunistic communications in large uncoordinated networks, desenvolvida na Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), aborda un dos retos centrais nas comunicacións sen fíos e propón un esquema innovador de transmisión para sistemas mono e multi-antena que permite reducir ou mesmo evitar estas interferencias, avanzando cara sistemas de comunicación máis robustos e eficientes.
“Este premio ten un triplo significado. Por un lado, un recoñecemento ao duro traballo durante o meu doutoramento, así como tamén unha motivación a seguir traballando. Por encima de todo, tamén é un recoñecemento a todos aqueles que foron partícipes, de forma directa ou indirecta, do meu traballo”, sinalou o galardoado, que actualmente forma parte do equipo de atlanTTic.
Aplicacións prácticas e impacto futuro
Borràs salientou o carácter teórico da súa tese e os retos que isto supuxo á hora de divulgar os resultados, o que lle obrigou a buscar aplicacións relevantes e comunicar os seus achados de forma clara e rigorosa. “O principal obxectivo da miña tese doutoral era o deseño dun esquema de transmisión para sistemas mono-antena e multi-antena que tivese a capacidade de reducir -e idealmente, evitar- as interferencias sen a necesidade de coñecer perfectamente o estado da rede de comunicacións e sen a necesidade de que o transmisor e o receptor estean cooperando”, explica.
Un dos aspectos máis destacados da tese gañadora é a súa potencial aplicación práctica na coexistencia de tecnoloxías de comunicación heteroxéneas, como as redes móbiles 4G e 5G, ou transmisións con e sen restricións de latencia. Isto supón un avance clave para mellorar a eficiencia espectral en contextos cada vez máis densos e complexos e podería ser mitigar a interferencia debida á coexistencia entre distintas tecnoloxías de comunicación.
Traxectoria investigadora do gañador
Natural de Cataluña, Jordi Borràs obtivo o Grao en Ciencias e Tecnoloxías de Telecomunicación (2016), o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación (especialidade en Comunicacións Sen Fíos, 2018) e o Doutoramento en Teoría da Sinal e Comunicacións (Sobresaliente Cum Laude, 2023) todos pola Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), onde xa destacara como investigador no grupo SPCOM.
Dende maio de 2023 é investigador posdoutoral en atlanTTic, colaborando co grupo de Procesado da Sinal en Comunicacións (GPSC). Neste grupo participou en proxectos sobre comunicacións full-duplex, o novo paradigma ISAC (Integrated Sensing and Communications) e vulnerabilidades en aprendizaxe federado. Este mesmo mes rematará a a súa etapa en Galicia e incorporarase como profesor axudante doutor á Universitat Politècnica de Catalunya, onde continuará desenvolvendo a súa carreira investigadora.
Terceira edición do Premio atlanTTic
Continuando coa aposta de atlanTTic por fomentar a excelencia científica e impulsar a transferencia de coñecemento en áreas clave como as comunicacións, a ciberseguridade e os servizos dixitais, o centro acaba de convocar a terceira edición do Premio atlanTTic á mellor tese en tecnoloxías de telecomunicación, en colaboración coa sección española do IEEE.
Poderán concorrer as persoas posúan un título de doutoramento, de calquera nacionalidade, que defendesen a súa tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación (comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade) en calquera universidade española, que defenderan a súa tese durante o ano 2024, coa máxima cualificación (excelente cum laude), e teñan publicado 2 artigos JCR Q1/Q2 ou dispoñan dunha patente en explotación, por un resultado da investigación realizada no contexto da tese. A contía individual máxima do premio será de 2500€.
As bases da convocatoria están dispoñibles nesta ligazón e o prazo de candidaturas permanecerá aberto ata o 16 de setembro de 2025.
Fonte: DUVI.