The Mind Guardian, a aplicación gamificada baseada en intelixencia artificial desenvolvida por investigadores de atlanTTic en colaboración con Samsung España, que presenta unha proba de autoavaliación de memoria para o cribado a grande escala de signos de deterioro cognitivo, recibirá o Premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais. O galardón, que outorgan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (Coegt-Aetg), recoñece os beneficios para a saúde de The Mind Guardian para as persoas maiores de 55 anos, entre os que se atopan a mellora da calidade de vida e unha redución dos efectos das demencias ata nun 40%. Así mesmo, o xurado do premio destacou que a súa interface sinxela e os seus resultados, que demostraron un alto grao de precisión no 97% dos casos, teñen un impacto positivo en zonas cunha poboación avellentada e dispersa, como Galicia.
O galardón, que forma parte dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2025 que outorgan o Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación, entregaranse o 26 de xuño no Gran Hotel da Toxa. Na 29ª edición destes recoñecementos, que se celebra baixo o lema Telecos: xestionando infraestruturas críticas, o Premio Enxeñeiro do Ano 2025 é para Alfonso Juan Álvarez Villamarín, CEO de Cellnex España, de quen o xurado destacou a súa “brillante traxectoria profesional”, que desenvolveu tanto en España como no estranxeiro. Pola súa banda, o Premio Socio de Honra 2025 recaeu na Corporación Hijos de Rivera, en recoñecemento ao seu apoio á innovación e aposta pola tecnoloxía en favor das iniciativas galegas en internet, nomeadamente a web Bigcrafters, coa que se creou un mercado de comercio electrónico dirixido a facilitar a difusión e distribución de produtos artesáns, sobre todo aqueles elaborados en Galicia en pequenas cantidades.
Un traballo multidisciplinar que comezou hai máis dunha década
Detrás de The Mind Guardian atópase un equipo de investigadores do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, liderado polos catedráticos Luis Anido e Manuel Fernández Iglesias, principais cabezas visibles dun traballo multidisciplinar que vén fraguándose desde hai máis de 10 anos, desenvolto por un equipo altamente especializado, que uniu esforzos nos ámbitos da tecnoloxía, a saúde e a investigación para avanzar na detección temperá do deterioro cognitivo.
Este videoxogo, cunha precisión do 97% preséntase como unha ferramenta autoadministrable, gratuíta e accesible, deseñada especificamente para persoas de idade superior a 55 anos sen síntomas evidentes de deterioración cognitiva. O seu gran valor radica na capacidade de detectar de maneira precoz os primeiros signos de deterioración cognitiva que poden ser orixe de enfermidades como o Alzheimer, o que pode contribuír a aumentar a calidade de vida ata en 10 anos e reducir os efectos das demencias ata nun 40%.
Fonte: DUVI.