Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo presenta un libro pioneiro sobre Design Thinking en contornas híbridas

A Universidade de Vigo acolleu este luns a presentación do libro Design Thinking e Acción: Innovación e colaboración na aula híbrida con MIRO, editado por Aula Magna. A obra, editada por Manuel Caeiro Rodríguez, investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, e Gustavo Zurita Alarcón, profesor da Universidad de Chile e director do Centro de Gestión de Información para los Negocios da UChile, propón unha guía práctica para aplicar a metodoloxía Design Thinking en contornas educativas híbridas mediante a ferramenta colaborativa en liña MIRO.

Dirixida a formadores, orientadores e profesionais da innovación, o libro destaca pola súa orientación didáctica e práctica, ofrecendo recursos e actividades listas para aplicar na aula. “A guía diríxese a facilitar o traballo de instrutores ou orientadores en Design Thinking, indicando como levar a cabo cada unha das etapas para o que se recoñece o foco principal e sentido de cada unha delas. Isto vai acompañado da descrición de varias ferramentas que se poden usar, pero tamén de actividades prácticas que facer na aula e que permiten facer realidade a idea do ‘aprender facendo’. Para moitas destas actividades damos indicacións precisas sobre como levalas a cabo para conseguir os efectos desexados”, explica Caeiro.

O obxectivo principal do libro é axudar a levar a cabo iniciativas e proxectos baseados na metodoloxía Design Thinking. O que buscan os autores é incrementar o número de educadores e educadoras que coñezan esta metodoloxía e que a poidan levar ao seu ámbito. “Pensamos que vai ser positivo tanto para eles como para os estudantes, pois poderán identificar cuestións clave para o desenvolvemento de proxectos que lles ofrecerán mellores resultados, acadando solucións máis acaecidas para os usuarios, e máis seguridade no proceso, garantindo que van a chegar a ofrecer unha solución”.

Un enfoque innovador e didáctico

A presentación do libro celebrouse no Espazo Incuvi e foi conducido por Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento. Xunto aos autores, participaron tamén na xuntanza algúns dos seus co-autores como Enrique Costa, Itziar Goicoechea e o ilustrador da obra, Mario Manso.
No evento tamén interviñeron, neste caso en liña, Roberto Álvarez, profesor titular da FEN UChile e Sebastián Arias, subxerente de financiamento de CORFO, que achegaron a súa visión sobre o impacto da obra.  

O volume naceu da colaboración entre Caeiro e Zurita tras coincidir nun tribunal de tese na Universidade Pompeu Fabra no ano 2022. “Conversando sobre os nosos traballos respectivos decatámonos que os dous traballabamos con Design Thinking e tiñamos o mesmo problema de como levalo á práctica en contornas en liña e híbridas. Nós na Uvigo xa viñamos traballando nesta temática dende o 2015, en proxectos dirixidos por Manuel J. Fernández Iglesias, e tamén tiñamos impartido cursos de formación de profesorado”, declara Manuel Caeiro.

Caeiro destaca, nesta liña, que o propio proceso de editar a obra foi un aprendizaxe en si mesmo. “En primeiro lugar, unha semana que pasei con Gustavo en Santiago de Chile para arrancar, na que marcamos a estrutura do libro e o que queriamos facer. Foi unha etapa na que puidemos compartir moito tempo e serviu de base sobre a que construír o libro. O segundo punto clave, unha distribución moi clara de tarefas, con autores responsables de capítulos concretos ou de partes concretas de capítulos, refírome aquí á parte de avaliación dos resultados do Design Thinking. Esta distribución tamén se fundamenta nunha coordinación continua, con reunións periódicas e axustes na mesma a medida que iamos avanzado. É dicir, sen présa pero sen pausa e cunha visión clara de a onde queriamos chegar”. 

Colaboración en tempo real con MIRO

Desde o punto de vista dos editores, entre os aspectos máis destacados figura o uso de MIRO como ferramenta clave para a colaboración en tempo real, permitindo a participación activa do alumnado en contornas dixitais. A guía inclúe neste senso indicacións detalladas para implementar cada fase do proceso, así como exemplos de aplicacións en ámbitos diversos: desde o turismo e a saúde ata o comercio ou a atención ás persoas maiores.

“MIRO funciona moi ben, aínda que haxa moitos usuarios, e permite visualizar non só o resultado do que fai cada un deles, por exemplo, incluír tarxetas (post-its), debuxar, organizar, agrupar, senón tamén ven onde están situados cada un dos participantes, para o que se marca a posición do seu rato. Ademais, permite integrarse con outras ferramentas como videoconferencia ou intercambio de documentos”, sinalan.

Segundo explican Caeiro e Zurita, esta obra é especialmente útil para aqueles profesionais que teñan que tratar con problemas de persoas próximas, que son os máis relevantes. “Nós témolo utilizado en casos diversos como aeroportos, centros comerciais, hospitais, axencias de viaxes, cidades en relación co fenómeno da saturación turística ou no coidado de persoas maiores. Nestes ámbitos podemos empregar tecnoloxía para resolver algúns problemas, pero o máis importante e polo que empezamos non é pola tecnoloxía en si, senón por identificar as necesidades máis importantes e definilas con precisión. A partir de aí haberá que buscar solucións, pero ao final, tamén debemos volver ás persoas para probar e validar que son axeitadas”, sinalan.

Os autores subliñan que, para que o Design Thinking funcione, é imprescindible a colaboración real e auténtica entre todos os membros do equipo, algo que supón un maior reto en contornas virtuais.