Universidade de Vigo

As bases completas da convocatoria pódense consultar nesta ligazón. O prazo de solicitudes para acceder ao premio remata o 16 de setembro de 2024 e a contía individual máxima do mesmo será de 2.500 euros.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, convoca a segunda edición dun premio nacional coa colaboración da sección española do IEEE, para recoñecer o labor realizado por aquelas persoas investigadoras cuxa tese doutoral represente un avance significativo no eido das tecnoloxías de telecomunicación, recoñecendo a súa labor científica, fomentando o avance do coñecemento nesta área e estimulando a actividade da comunidade investigadora no devandito ámbito.

Este premio recoñece a aquelas contribucións que, baseadas na innovación, a creatividade, a orixinalidade e o rigor científico no campo das tecnoloxías de telecomunicación, presentan unha alta capacidade de avance no coñecemento producido nestas disciplinas. Ademais disto, tamén servirá de estímulo complementario as persoas investigadoras que traballan neste campo.

Requisitos das persoas solicitantes

Para solicitar o premio as persoas interesadas deben estar en posesión dun título de doutoramento, de calquera nacionalidade, que defendesen a súa tese doutoral no eido das tecnoloxías de telecomunicación (comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade) en calquera universidade española entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023. Ademais, deben ter acadado na tese a máxima cualificación (excelente cum laude) e ter publicado 2 artigos JCR Q1/Q2 ou, no seu defecto, dispor dunha patente en explotación, por un resultado da investigación realizada no contexto da tese doutoral no eido das Tecnoloxías de Telecomunicación.

As persoas solicitantes deberán cubrir o formulario en liña no seguinte enlace (enlace formulario), descargalo e presentalo na sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal) a través da instancia xenérica (SXER) existente na sede, e poñer como asunto “premio atlanTTic-Tese Doutoral”, achegando unicamente o formulario coa solicitude.

O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte a publicarse esta convocatoria e finaliza o 16 de setembro de 2024 ás 23:59 horas (hora peninsular española).

As bases completas da convocatoria poden consultarse no enderezo (ligazón), onde tamén vén recollida a documentación que debe aportarse no formulario en liña (non hai que subir a documentación á Sede Electrónica). A contía individual máxima do premio será de 2.500 € e nas citadas bases detállase o procedemento de selección e resolución do premio.