Universidade de Vigo

atlanTTic conmemora o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

A Universidade de Vigo dedicará o mes de febreiro a dar visibilidade ao traballo das súas investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as xeracións máis novas e farao no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, que se celebra o 11 de febreiro en todo o mundo. A institución viguesa deseñou un amplo programa de actividades como obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames, que permitirán dar a coñecer a ciencia que se está a levar a cabo dentro da UVigo e achegar referentes femininos no campo da I+D.

As diferentes propostas están impulsadas principalmente polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as facultades e escolas da UVigo, así como pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa FECYT, e a Unidade de Igualdade.

Charlas en centros educativos de toda Galicia

A programación do 11F inclúe tamén unha serie de charlas e relatorios que preto de 60 investigadoras da Universidade de Vigo impartirán ao longo da primeira quincena do mes de febreiro en centros educativos de toda Galicia. En total, levaranse a cabo máis de medio cento de charlas e obradoiros presenciais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación na súa xestión.

Elas Fan CienTec

A actividade central no campus de Vigo será o programa de obradoiros Elas Fan CienTec, que chega á súa oitava edición e terá lugar o xoves 8 de febreiro. Alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e facultades do campus para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios.

Varias investigadoras de atlanTTic e docentes da E.E. de Telecomunicación recibirán as alumnas do IES de Valadares, onde realizarán dende unha sesión de detectives de imaxes ata un taller de programación dun xogo con Scratch e outro de programación web. Este programa, organizado por docentes e investigadoras da Universidade, conta co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade.

Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico

No Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, tamén nos sumamos á celebración coa segunda xornada do ciclo “Conectando en igualdade”, que se centrará na intelixencia artificial e contará coa participación de varias mulleres expertas neste eido que abordarán cuestións relacionadas coa igualdade. Esta actividade, que conta co apoio da Unidade de Igualdade, terá lugar o xoves 22 de febreiro de 11.00 a 13.30 horas na sala 1 do edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo a través de UVigo-TV.