Universidade de Vigo

atlanTTic únese á nova edición ciencia do festival de divulgación Pint of Science en Vigo

atlanTTic colabora como mecenas na edición 2025 de Pint of Science Vigo.

Con máis dun milleiro de eventos en 75 localidades, o festival Pint of Science encherá de ciencia bares de todo o país os días 19, 20 e 21 de maio. A través de charlas divulgativas, monólogos ou experimentos de entre 20 e 30 minutos de duración, investigadoras e investigadores de todas as áreas de coñecemento compartirán o seu traballo nun ambiente moi diferente ao habitual.

En Vigo, Pint of Science celebrarase nos bares El Castro e Vitruvia Café a partir das 19:30 h, cun total de 12 charlas científicas que cubrirán temas como saúde mental e neurociencia, nanotecnoloxía, sociolingüística e intelixencia artificial, inmunoterapia ou segregación escolar, entre outros.

Entre os investigadores e investigadoras que participan nesta edición de Pint of Science Vigo, atópanse Carlos Renero Lecuna, que amosará como la luz, a través das nanopartículas, pode converterse nunha potente aliada para estudar e intentar combater o cancro; Raquel Ríos Castro, desvelará os segredos do océano e o que nos revela o ADN ambiental, ou Alessandro Marcomini, quen abordará a mecánica cuántica e a súa sorprendente presenza na nosa vida cotiá.

Igual que en anteriores edicións, este ano o evento contará novamente con xogos e premios pensados para o público asistente. A programación completa pode consultarse na web https://pintofscience.es/events/vigo.

Un dos obxectivos da organización é establecer o diálogo directo entre o persoal investigador e a sociedade. Desde o equipo local de Vigo resaltan que “achegar a ciencia á sociedade non é só unha opción, é unha necesidade. Cremos que o coñecemento non debe quedar nos laboratorios, senón que debe saír, contarse e compartirse. A miúdo cremos que a ciencia é difícil de entender, pero quizais só necesitamos que nola expliquen doutra forma. En Pint of Science buscamos precisamente iso: traducir a linguaxe científica a outra máis sinxela e accesible para todos”.

A nivel nacional algunhas das outras novidades desta edición que estarán presentes noutras localidades serán Pint Kids, unha serie de charlas e talleres destinados ao público infantil e familiar que pode verse na web do festival; Pinta a Bulo, iniciativa en colaboración con Infoveritas, que proporcionará formación aos relatores e ferramentas aos asistentes para combater a desinformación científica nas sús charlas; e Pintíficas, unha exposición que percorre as estacións de Adif para dar a coñecer as investigacións dunha vintena de científicas españolas. Tras o seu paso por Alicante, Málaga, Albacete e Cádiz a mostra poderá visitarse na estación Burgos – Rosa Manzano (16 ao 25 de maio) e no Parque das Ciencias de Granada en xuño.

Carlos Peris Torres, coordinador nacional de Pint of Science e tamén investigador, comenta que “cada edición de Pint of Science é unha aventura, cada unha das 1.000 charlas que haberá este ano en todo o país será unha oportunidade de inspirar e de espertar vocacións. Cada interacción co público é un recordatorio de por que facemos isto, porque a Ciencia non é só coñecemento, tamén é paixón, emoción e conexión humana’’.

Dez anos de Pint of Science

Ao longo de nove edicións, Pint of Science organizou en España un total de 1.800 eventos en 750 bares nos que participaron máis de 4.300 persoas investigadoras e 110.000 asistentes. A décima edición será a maior en canto ao número de eventos organizados e localidades implicadas.

Pint of Science naceu en maio de 2013 en Reino Unido, cando os investigadores Michael Mostkin e Praveen Paul organizaron un evento nos seus laboratorios co fin de mostrar a investigación que realizaban a persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. Eles mesmos comprobaron a gran repercusión que tivo neses pacientes, e pensaron “se a xente vai aos laboratorios… por que non levar a ciencia ao lugar onde está a xente, os bares?”.

Pouco se imaxinaban que uns anos despois, a súa idea daría a volta ao mundo, celebrándose este 2025 simultaneamente nos cinco continentes, contando con 27 países participantes. Os científicos australianos serán os primeiros en subir a persiana dos bares e en brindar polo coñecemento e a súa divulgación. Desde alí, e co resto de países anfitrións, comezará unha maratón de tres días de ciencia e bares de todo o mundo.

A asociación sen ánimo de lucro Pint of Science España é a impulsora da iniciativa no noso país, que conta co apoio e esforzo de máis de 600 voluntarios e voluntarias, 11 deles en Vigo, así como un gran número de entidades patrocinadoras e colaboradoras que fan posible cada edición.

Pinta a Bulo, a importancia de combater a desinformación científica

A confianza nos medios de comunicación atravesa unha crisis sen precedentes. A era dixital revolucionou a forma na que nos informamos, pero tamén propiciou a proliferación de novas falsas e contidos enganosos que provocan unha maior desconfianza nos xornalistas e científicos. A ciencia é unha das principais dianas da desinformación e dos bulos, campo no que son especialmente perigosos, xa que atacan, por exemplo, directamente á saúde da poboación.

Con ese obxectivo, as charlas dedicarán un espazo a la alfabetización mediática e ao desmentido de bulos científicos, especialmente aqueles que versen sobre saúde e medio ambiente. Esta parte do festival de divulgación científica lévase a cabo en colaboración con Infoveritas, unha axencia de verificación especializada en poñer freo á desinformación e ofrecer contexto informativo.

En Vigo haberá dúas charlas centradas en desmentir algúns bulos científicos. Mónica Martínez Fernández abordará o tema da inmunoterapia como tratamento contra o cancro, tratando de aclarar conceptos erróneos comúns. Pola súa parte, Carlos Spuch Calvar, desde a súa perspectiva como neurocientífico, falará sobre saúde mental e como esta afecta ao noso corpo.

Os días 19, 20 e 21 de maio bríndase nos bares pola ciencia e a súa divulgación!

Pint of Science 2025 é un evento gratuíto para todos os asistentes, e non podería facerse posible se non fora pola colaboración de organizacións que patrocinan o festival, como 3DforScience, Labbox, Technoform, CESIF, VHIO, Miltenyi, Plan Complementario, JJNN e Vadillo Asesores en toda España ou moitas outras entidades locais colaboradoras en Vigo, como o mecenado de atlanTTic, Lonza e Optare Solutions, e a colaboración del Concello de Vigo, Cienytech, IIS Galicia Sur, a Universidade de Vigo e a Unidade de Cultura Científica, e os centros de investigación CINBIO, CINTECX e ECOBAS.