O vindeiro venres 25 de outubro, no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebraremos a sétima edición da nosa Xornada de Portas Abertas. Nesta xornada ofrecerémosvos a oportunidade de mergullarvos no mundo das telecomunicacións visitando as nosas instalacións e descubrindo de preto o traballo das nosas investigadoras e investigadores.
DATA: Venres 25 de outubro de 2024
HORARIO: De 16:00 a 19:00 horas
LUGAR: Centro atlanTTic e Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Universidade de Vigo
Conecta con atlanTTic
Durante a xornada #ConectaconatlanTTic, parte do persoal investigador do centro amosará as investigacións que están a desenvolver en diversos ámbitos das telecomunicacións. Realizaranse demostracións e presentacións de proxectos para achegar ao público, dun xeito ameno e interactivo, as principais liñas de traballo de atlanTTic: comunicacións 5G e 6G, comunicacións ópticas, aplicacións accesibles, intelixencia artificial, radar e xeolocalización ou nanosatélites.
Tamén poderedes visitar varios laboratorios e descubrir as nosas principais infraestruturas:
- Laboratorio de acústica e a cámara semianecoica.
- Laboratorio de medidas radioeléctricas e a cámara anecoica.
- Laboratorio de seguimento de satélites.
Ademais, facer un percorrido por tódolos stands pode ter premio! As persoas que completen o circuíto entrarán no sorteo dun kit de agasallos de atlanTTic. Agardámosvos en Conecta con atlanTTic!
Así foi a Xornada de Portas Abertas de 2023
Na última edición as persoas que participaron en Conecta con atlanTTic puideron coñecer os proxectos máis innovadores da man do noso persoal investigador e tamén tiveron a ocasión de visitar as nosas instalacións.