O alumnado da ETT, que está a piques de titularse, amosa ao público 14 proxectos de innovación nos LPRO Days

Son propostas de I+D+i sobre domótica, realidade virtual, monitorización, aplicacións web…

Cada final de curso a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación saca peito dos proxectos de innovación realizados polo alumnado que está a piques de titularse. Faino a través dos LPRO Days, unha iniciativa na que as alumnas e alumnos de último curso do grao presentan os traballos desenvolvidos na materia Laboratorio de proxectos. Nesta ocasión preséntanse 14 proxectos de innovación, realizados por 84 estudantes baixo a coordinación de 15 docentes e, por primeira vez, ademais de na propia escola -hoxe xoves ata o mediodía-, as xornadas celébranse tamén no Museo Verbum de Vigo. Será mañá venres, pola mañá para escolares e, xa pola tarde, para empresas e familias, que poderán tamén así asistir á entrega de premios aos cinco proxectos máis innovadores.

Como si se tratase dunha feira tecnolóxica profesional, cada equipo conta cun expositor propio no que explicar aos asistentes as principais características e innovacións dos seus proxectos, experimentar cos prototipos ou, simplemente, intercambiar ideas sobre os resultados e experiencias que foron xurdindo ao longo de todo o desenvolvemento do proxecto. Como cada edición a variedade temática das propostas é a gran protagonista e, se ben non hai xurado como tal, desde Gradiant, Optare Solutions, CTAG, Imatia e Quobis outorgarán cadanseu premio de 500 euros aos proxectos máis creativos ou con máis viabilidade de converterse en realidade.

O corredor principal da escola encheuse hoxe de postos e, en cada un deles, as alumnas e alumnos explicaban a todas as persoas interesadas os detalles dos seus proxectos, múltiples propostas de I+D+i sobre domótica, realidade virtual, monitorización, aplicacións web…

Solucións TIC para medio ambiente, agro, saúde, fogar…

No posto de BoiaTec, un sistema que facilita a xestión de piscina climatizadas, explicaban en detalle as características dun sistema que permite o control e monitorización dos parámetros indicativos da calidade da auga e do aire, así como a dosificación dos químicos necesarios para a súa regulación. “Todo realizado grazas a unha aplicación que serve como base de datos do sistema e proporciona, tanto a usuarios como a administradores, toda a información necesaria para o control da instalación”, apuntou unha das alumnas implicadas no proxecto.

Noutro posto Diego Cajaraville, impulsor do proxecto Vi-COIN, era o encargado de explicar os detalles dunha proposta que propón un sistema de xestión dos servizos que ofrece unha administración aos usuarios en base a unha criptomoeda propia. “É un sistema centralizado de xestión de servizos para unha administración pública que lle permita non depender de intermediarios, como poden ser empresas externas, e permitirlle así aos usuarios que o empreguen que todos os servizos estean xuntos nunha mesma aplicación”, recalcou o estudante, ao que engadiu que o sistema está baseado nas redes Blockchain, tecnoloxía que proporciona ao sistema a robustez suficiente para garantir a seguridade e integridade da información.

Poder ver, experimentar e tocar os prototipos dos diferentes proxectos é, a xuízo de boa parte dos asistentes, unha das grandes vantaxes desta particular feira tecnolóxica. Entre estes prototipos un dos que máis chama a atención nesta edición é o de Siluro, un minibarco deseñado para a recollida de residuos sólidos superficiais sen danar o medio. “Trátase dunha pequena embarcación, de arredor de 1,5 metros, para recoller residuos flotantes en contornas acuáticas”, explica Carlota Cañamero, unha das estudantes impulsoras do proxecto, quen tamén indicou que se trata dunha proposta “moi respectuosa co medio”, no senso de que é capaz de recoñecer e respectar a fauna e flora que vaia atopando no seu camiño.

Outros exemplos de propostas que tamén participan nesta edición son Biomonitor, un proxecto que pretende facilitar o labor dos gandeiros de manter o benestar dos seus animais de granxa –neta primeira etapa vacas- mediante o emprego dunha aplicación web na que poder consultar datos biométricos dos mesmos grazas a un conxunto de sensores instalados nun mesmo dispositivo; Pechaben, unha solución domótica “económica e de seguridade” para pechaduras de espazos comunais, ou SensEight, un dispositivo que detecta obxectos por medio de ultrasons e avisa mediante sons especializados. “Está orientado a persoas invidentes e soluciona as limitacións do bastón”, explicaron desde o equipo, subliñando o feito de que o aviso pode realizarse a través dun altofalante ou de auriculares estéreo para incluír o posicionamento do obstáculo.