Universidade de Vigo

O proxecto europeo EDIH DATAlife permitirá acelerar a transformación dixital das pemes galegas

O Centro de Investigación atlanTTic  e a Universidade de Vigo son socios de EDIH DATAlife, o único Hub de Innovación Dixital galego que a Comisión Europea apoia economicamente. EDIH DATAlife (Digital Innovation Hub for the deployment of Artificial Intelligence and Data Analytics in SMEs in the primary, biotechnological and health sectors), permitirá acelerar a transformación dixital das pemes galegas.

O obxectivo común do proxecto, do que forman parte 14 socios, é o de acelerar a dixitalización  e aplicar intelixencia artificial e big data nas empresas, pemes fundamentalmente, que desenvolven a súa actividade nalgunha das catro cadeas de valor estratéxicas de Galicia e de DATAlife: agro-mar alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e saúde-coidados. As universidades de Vigo e Santiago, Feuga, Anfaco, Gradiant, Cesga, varios clústeres sectoriais e a empresa Televés son os socios que integran esta iniciativa, cofinanciada pola Comisión Europea e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que conta cun orzamento de preto de 5,5M€.

Galicia como biorrexión de referencia en Europa

Converter a Galicia en biorrexión de referencia en Europa mediante a posta en contacto, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos. Trátase de axudar a mellorar a competitividade das empresas galegas introducindo tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial, o big data, o internet da cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade; ademais da creación de espazos colaboradores e federados. Como explica Martín Llamas, director de atlanTTic e IP dun dos paquetes de traballo do proxecto, o obxectivo é “a adopción por parte das PEMEs do big data, as tecnoloxías de IA, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade, entre outras, xa que estas tecnoloxías lles permitirán aumentar a súa competitividade nun mercado cada vez máis esixente”.

O papel de atlanTTic e da Universidade de Vigo

Dentro deste proxecto, atlanTTic forma parte do paquete de traballo Test Before Invest, que comprende tarefas como o desenvolvemento de tecnoloxías para a mellora da ciberseguridade; o desenvolvemento, proba, validación e demostración de tecnoloxías dixitais e a investigación, desenvolvemento e posta en marcha de tecnoloxías dixitais adaptadas as necesidades sectoriais. A Uvigo pola súa banda está centrada nos paquetes Digital Training & Skills e Ecosystem & networks. Ademais, tanto o noso centro como a UVigo participan xunto con todos os socios nos paquetes de coordinación e xestión e de comunicación e diseminación.