Universidade de Vigo

Un estudo realizado polas universidades galegas analiza os retos e o potencial impacto da intelixencia artificial en Galicia

O estudo, presentado hoxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela , foi elaborado polas tres universidades públicas galegas para Amtega.

A Cidade da Cultura, en Santiago de Composta, acolleu hoxe a presentación dun informe elaborado polas tres universidades públicas galegas, entre elas a Universidade de Vigo, sobre o marco ético e normativo para o desenvolvemento da intelixencia artificial (IA) en Galicia. Acorde aos seus resultados, a Xunta de Galicia anunciou que regulará o uso da IA na administración autonómica.

O estudo, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), da Xunta de Galicia, e elaborado por equipos multidisciplinares das tres universidades, “é o primeiro elaborado nunha comunidade autónoma española para afrontar os retos para unha IA fiable a acorde cos valores humanos que promove a Unión Europea”. O acto contou coa participación dos reitores Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo), destacando este último que Galicia é “un país que moitas veces chegou tarde” pero que “nesta ocasión está chegando en primeira liña, porque hai moitas cousas que durante moitos anos se fixeron ben”.

Na presentación deste Estudo sobre o marco ético e normativo e o potencial impacto da adopción da intelixencia artificial en Galicia, Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública, destacou pola súa banda que a aposta da comunidade pola colaboración e a implicación de todos os actores no proceso de transformación dixital sitúana nunha posición de vangarda. Miguel Corgos sinalou ademais que, a intelixencia artificial é unha responsabilidade compartida e que desde esta posición se poden afrontar mellor os retos relacionados coa especialización da sociedade galega en tecnoloxías e a forma na que se aplican, tendo sempre en conta o benestar das persoas e o desenvolvemento social e económico.