Universidade de Vigo

A principal fórmula da transferencia tecnolóxica ao tecido industrial é a creación de empresas de base tecnolóxica promovidas polo persoal investigador (spin-offs), especialmente nun eido como o das Tecnoloxías de Telecomunicación onde a conexión entre a investigación e o mercado é obrigada.

Nos últimos anos foron creadas as seguintes:

RelEYEble

Empresa especializada no procesamiento dixital da imaxe que aplica algoritmos de intelixencia artificial para extraer información útil para os negocios. Ofrecen diferentes solucións, como unha medición fiable dos hábitos dos seus clientes mediante o seu software de medición de audiencia automático que realiza o reconto de persoas, a atención, a emoción e a estimación demográfica.

Creador/es: Jose Luis Alba Castro

SPARC

SPARC é o acrónimo de III-V Semiconductor Foundry and Advanced Photonics Research Center, a primeira foundry con participación da UVigo orientada ao desenvolvemento e fabricación de produtos fotónicos que conteñan chips de semiconductores III-V para terceiros, con estimación do inicio da súa actividade no 2025.

Creador/es: Francisco Javier Díaz Otero e Carlos Mosquera Nartallo

EM3works

Empresa de base tecnolóxica especializada en actividades de enxeñaría relacionadas con compatibilidade electromagnética (EMC), interferencia (EMI) e niveis de radiación (RADHAZ).

Creador/es: Jose Luis Rodríguez Rodríguez e Fernando Obelleiro Basteiro

CoderIAm

A compañía desenvolve solucións de software, firmware e electrónica de vangarda para a industria, con énfase en visión por computador, intelixencia artificial, optimización e automatización.

Creador/es: Julio Martín Herrero

Circadian Ambulatory Technology & Diagnostics

Empresa adicada á comercialización de servizos de avaliación de risco, individualizado e/ou poboacional, cardiovascular, metabólico e renal, así como a identificación precoz de complicacións hipertensivas en embarazo, a través dun software propio a partir de parámetros prognósticos derivados da medida ambulatoria da presión arterial (MAPA).

Creador/es: Ramón Carmelo Hermida Domínguez, José Ramón Fernández Bernández, Artemio Mojón Ojea e Diana Elva Ayala García

Alén Space

Alén Space pon ao alcance os servizos de nanosatélites con solucións integrais que abarcan a consultoría, deseño, fabricación e operación de pequenos satélites.

O seu equipo, con máis dunha década de experiencia no desenvolvemento de tecnoloxía espacial, foron pioneiros do New Space, lanzando ao espazo o primeiro nanosatélite español en 2012. En xuño de 2023, a compañía intégrase no conxunto de sociedades de GMV.

Creador/es: Fernando Aguado Agelet

Ancora Mobile

Esta tecnoloxía habilita novos modelos de negocio para aplicacións profesionais e de usuario. Trátase dunha tecnoloxía que permite interactuar, a través de pantallas e periféricos de sobremesa, con aplicacións de usuario residentes en teléfonos móbiles persoais.

Creador/es: Felipe Gil Castiñeira e Francisco Javier González Castaño