Co obxectivo de afondar en como a tecnoloxía innovadora podería facilitar a comunicación entre persoas xordas e oíntes, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, organizou nas última horas o seminario web Tecnoloxía e comunicación sen barreiras. A catedrática a UVigo Carmen García Mateo foi a encargada de presentar a sesión, na que se trataron os posibles casos de uso das novas tecnoloxías para facilitar a comunicación entre persoas xordas e oíntes, ao tempo que avanzou a intención de que este primeiro webinar sexa un punto de partida para futuras xuntanzas nas que poder abordar a temática, sempre desde unha perspectiva global tendo en conta os puntos de vista tanto das persoas xordas como das oíntes.
No seminario web participaron máis de medio cento de persoas, que tiveron ocasión de interactuar cos poñentes ao remate das súas intervencións a través da plataforma.
Retos tecnolóxicos e necesidades da comunidade xorda
A primeira intervención correou a cargo do investigador José Luis Alba Castro, que deu a coñecer o proxecto Speech&Signs que están a desenvolver conxuntamente o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic e o grupo Grades da Facultade de Filoloxía e Tradución. Este proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, céntrase na investigación do procesamento de imaxe e visión artificial, o recoñecemento automático da linguaxe de signos, e o desenvolvemento de novos sistemas e algoritmos para mellorar as canles de comunicación verbal e non verbal de linguaxes falados e de signos. Alba abordou os retos aos que se enfrontan á hora de codificar, procesar e automatizar as secuencias de vídeo de alta calidade, que posteriormente lles permitirán crear unha base de datos con vídeos en LSE, para o que é vital a colaboración con asociacións e colectivos de persoas xordas.